Os Ancares reivindican o futuro do ensino na comarca

A comunidade educativa do IES de Becerreá o pasado 5 de xullo. (Foto: Nós Diario)
O IES de Becerreá reclama un Bacharelato "digno e sen recorte de materias" para o seu alumnado.

A finais de xullo o IES de Becerreá saberá se mantén a cota de materias e profesorado de cara o curso que vén. O equipo directivo espera a adxudicación de docentes e a autorización da Consellaría de Educación para impartir determinadas materias e ver así as garantías e dificultades coas que baterá o alumnado a partir de setembro.

O IES de Becerreá mantén nos últimos anos unha cifra estábel de estudantes, arredor de 120, matriculados nos catro cursos da ESO mais nos dous de Bacharelato. "É o único instituto da comarca, non só da montaña senón tamén de concellos limítrofes, como Baralla", apunta Fernando Cerecedo, director do IES de Becerreá. "Estamos rodeados de CPI que teñen Primaria e Secundaria, pero para o Bacharelato veñen aquí, mesmo de concellos máis afastados como Castroverde e Baleira".

A comunidade educativa deste centro vén de fechar un ano intenso de mobilizacións para exixir un ensino digno e igualitario que ofreza as mesmas garantías ao alumnado dos Ancares que ao do resto da Galiza. "O único que pedimos é que os nosos estudantes non teñan que desprazarse porque non se lles pode ofrecer aquí algo que a Consellaría nega".

Cerecedo sinala a decisión da Xunta de suprimir o curso pasado Francés como materia optativa máis aló de 2º da ESO ao non xuntar o mínimo de cinco estudantes que esixe a norma.

"En centros do rural ese número supón en moitos casos 25% do alumnado, unha porcentaxe moi alta que queda cunha optatividade máis limitada afrontando materias que non teñen maior interese nin continuidade, como é o caso de Francés, que podes empezar en 1º da ESO e rematar en 2º de Bacharelato. E examínaste da ABAU e pondera 0,2 en boa parte dos graos das Ciencias Sociais e Xurídicas".

O que xa pasou un ano pode volver a repetirse, advirte o director do IES de Becerreá, que teme futuros recortes en materias propias de modalidade. "De momento non o fan, pero non deixa de ser preocupante que, se temos menos de 5 alumnas -é o caso de Bioloxía en 2º de BAC- temos que pedir autorización para podela impartir".

Ensino rural

Esta batalla, di, non é exclusiva dos Ancares, sucede en todos os institutos do rural na Galiza nos que "a Consellaría decide en contra dos intereses do alumnado negándolles certas materias. E unha vez que destrúes algo xa é irrecuperábel. É o resultado da política incendiaria da Consellaría, dos recortes, e, sobre todo, da falta de flexibilidade para adaptarse á realidade cambiante dos nosos centros".