Analíticas confirman unha vertedura de fecais no río Mendo de Betanzos após o gromo de gastroenterite

Tanto a empresa Viaqua como a Xunta da Galiza tomaron mostras da auga para determinar a orixe do brote. (Foto: Nós Diario).

Detectáronse “restos fecais, de orixe humana, con presenza de Norovirus”.

As analíticas encargadas pola empresa concesionaria da rede de abastecemento de auga de Betanzos (comarca das Mariñas), onde se detectou un gromo de gastroenterite, confirmaron a presenza de "restos fecais, de orixe humana, con presenza de Norovirus" en augas do río Mendo.

Así o informa o consistorio que explica que as tomas foron recollidas "durante a noite do pasado día 13 e a mañá do 14 cando se produciu a última vertedura detectada ao río Mendo". Ao mesmo tempo, asegura que se trata "do mesmo virus que ocasionou o gromo de gastroenterite e polo que a auga da rede de abastecemento segue sendo non apta para o consumo".

En consecuencia, engade, os resultados destas análises elaboradas polos laboratorios 'Labaqua' serán achegados á denuncia que presentará o Concello de Betanzos no xulgado para que se investigue "a vertedura que foi detectada polos servizos de control e seguimento de Viaqua na zona de captación de auga".

Da mesma maneira, o consistorio está á espera de que Augas da Galiza, que tamén recolleu mostras ese día, "informe sobre os resultados das súas análises". "Entendemos que non variarán das realizadas polos laboratorios que fixeron a analítica para Viaqua", puntualiza.

Consellaría de Sanidade

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, dixo que a Xunta da Galiza descoñece a orixe do gromo de gastroenterite e continúa realizando as "medidas correspondentes" para determinar se a auga é apta.

A preguntas dos e das xornalistas sobre este asunto nun acto na Coruña, García Comesaña explicou que o Goberno galego continúa facendo análise de auga "na rede [de abastecemento] e no río" para darlle "recomendacións e instrucións ao Concello na súa competencia de subministración de auga".

O titular de Sanidade quixo transmitir á veciñanza de Betanzos que "a Xunta até o momento que teña a seguridade de que a auga está en condicións adecuadas dirá o contrario".