As análises confirman a presenza de ADN masculino nunha das unllas de Déborah Fernández

Concentración en Vigo decorrida o pasado 28 de decembro para pedir "xustiza para Déborah" (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
Esta sexta feira comparecerá nos Xulgados de Tui, por vez primeira, a ex parella da moza viguesa, que é o único investigado por un crime que prescribirá este mes de maio.

Os resultados do Instituto Nacional de Toxicoloxía, tras analizar as mostras recollidas do cadáver de Déborah Fernández-Cervera, veñen de confirmar a presenza de ADN masculino nunha das súas unllas. Así o confirmou a familia da rapaza, que apareceu morta nunha gabia no Rosal en maio de 2002, uns días despois de desaparecer cando practicaba deporte perto da súa casa en Vigo. A familia tamén avanzou que solicitará a ampliación desta proba pericial para "tentar determinar os marcadores xenéticos achados".

Por outra parte, a respecto do cabelo achado após a exhumación do corpo da moza, os estudos de toxicoloxía determinaron que se trata dunha fibra de PVDC, material empregado para o envasado de alimentos, entre outros usos. "O que demostra, máis unha vez, a neglixencia da autopsia inicial", lamentou a familia.

Aliás, ratificaron que na inspección dun vehículo que pertenceu ao exmozo de Déborah, realizada o pasado mes de setembro, foron atopadas "gran cantidade de mostras biolóxicas humanas e de animais", o que "bate frontalmente" cos resultados da inspección de 2010, na que non se atopara "absolutamente nada" porque se fixera "unha limpeza exhaustiva" dese coche.

Finalmente, tamén lembraron que outra das probas, a análise do computador de Déborah, puxo de manifesto que o disco duro do aparello foi "manipulado", aínda que a familia segue pendente do informe definitivo a respecto desta cuestión, que os peritos presentarán nos vindeiros días.

Comparecencia do único investigado

Os resultados do Instituto Nacional de Toxicoloxía déronse a coñecer en vésperas da declaración do único investigado pola desaparición e morte da moza viguesa, a súa ex parella, que comparecerá esta sexta feira no xulgado de instrución número 2 de Tui. A citación como investigado de quen a Policía chegou a apuntar como principal sospeitoso prodúcese ás portas de que o caso prescribise —en maio deste ano—, aínda que esa citación paralizou os prazos.

Este home foi citado inicialmente para o 21 de febreiro, logo de que a Audiencia Provincial de Pontevedra estimase un recurso da familia de Déborah contra a negativa do xulgado de instrución a chamalo a declarar. Finalmente, a petición do propio letrado do investigado, a súa comparecencia quedou posposta para este 11 de marzo cando, por vez primeira, esta persoa comparecerá ante un tribunal en relación con este crime.

Case dúas décadas da desaparición

Déborah Fernández-Cervera desapareceu en 2002, cando tiña 21 anos de idade, logo de saír da súa casa para facer deporte. O seu cadáver foi localizado dez días despois, arrodeado de pistas falsas, nunha gabia no Rosal, e nunca houbo ningún detido nin formalmente investigado, até agora, por este crime.

O caso arquivouse, mais a finais de 2019 foi reaberto e fixéronse varias dilixencias periciais e declaracións de testemuñas. Aliás, en maio de 2021 exhumouse o cadáver da moza para facerlle probas de ADN.

Nos últimos meses tamén se examinou o coche do principal sospeitoso e diferentes pertenzas do mesmo. Así, entre outros achados, foron localizadas unhas fibras baixo as unllas da moza que coincidían coa tea dunha manta que pertenceu ao sospeitoso —aínda que eran unhas fibras moi comúns e o achado non se considerou determinante—, e as análises da empresa Lazarus levaron á conclusión de que o computador de Déborah fora manipulado.