Xustiza

A Audiencia de Lugo condena Ana Sandamil a prisión permanente revisábel polo asasinato da súa filla Desirée

Ana Sandamil, durante a lectura do veredicto do xurado popular. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A sentenza é acorde ao veredicto do xurado popular, que a declaraba culpábel.

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou á pena de prisión permanente revisábel a Ana Sandamil polo asasinato da súa filla, Desirée Leal, ocorrido en Muimenta (Cospeito, na comarca da Terra Chá) na madrugada do 3 de maio de 2019. A sentenza, de acordo co veredicto de culpabilidade emitido polo xurado popular, está en consonancia coa primeira que recibiu Sandamil, o ano pasado, polos mesmos feitos.

Nesa ocasión, a Audiencia de Lugo condenou a nai de Desirée a prisión permanente revisábel polo crime, estimando que era consciente dos seus actos no momento dos feitos, malia que recoñecéndolle certa afectación psicolóxica. Meses despois, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza tombaba o veredicto e obrigaba a repetir o xuízo, argumentando que a determinación do estado psicolóxico de Ana Sandamil, chave na condena, non estaba ben fundamentado.

Nesta ocasión, o xurado popular foi incluso máis aló, negando ningunha afectación psicolóxica de Ana Sandamil no momento do crime e estimando que era plenamente consciente de que estaba a dar morte á súa filla. Como consecuencia, o tribunal imponlle agora, de novo, a prisión permanente revisábel.

Feitos probados

En concreto, o fallo do xurado considera probado por unanimidade que, na madrugada do 3 de maio de 2019, Ana Sandamil, que durmía na mesma cama que a súa filla Desirée, de sete anos, forneceulle "un fármaco con efectos sedantes", a trazodona, "coa intención de acabar coa súa vida". Para iso, disolveu o medicamento "nun líquido" e deullo pola forza.

Seguidamente, e como a nena non accedera a tomalo, "asfixiouna coas súas propias mans, exercendo presión no seu pescozo e obstruíndo tamén as súas vías respiratorias, boca e nariz, para o que puido empregar, ademais, as súas mans ou algún dos obxectos que había na habitación". Desirée morreu por asfixia mecánica por compresión e oclusión dos orificios respiratorios e, estiman, "non tivo posibilidade de reaccionar ou de defenderse" do ataque.

A maioría do xurado apoiou a teoría de que Sandamil padecía no momento dos feitos "algún tipo de trastorno" que, porén, "non afectaba as súas facultades mentais"

Tras a morte da nena, recolle o veredicto, Ana Sandamil "acudiu ao dormitorio da súa nai para comunicarlle" que Desirée falecera e, posteriormente, "inxeriu unhas pastillas de trazodona" coa intención de simular un intento de suicidio, aínda que "sabedora de que a súa inxesta non lle provocaría a morte". O auto tamén determina por unanimidade que a muller "era coñecedora da intención do pai" de Desirée de "modificar e incrementar legalmente o réxime de visitas", co obxectivo de pasar máis tempo con ela.

Entre os feitos que foron apoiados por maioría, pero non por unanimidade dos membros do xurado —sete a dous—, están que a muller buscou días antes nunha tablet propiedade dun dos seus tíos información relacionada cun veleno e a cuestión da afectación psicolóxica. En concreto, sete dos nove xurados sinalaron que Ana Sandamil padecía no momento dos feitos "algún tipo de trastorno", pero que "non afectaba as súas facultades mentais nin ás súas capacidades cognitivas nin volitivas" nin lle impedía coñecer o alcance dos seus feitos.

Na súa argumentación xurídica, o presidente do tribunal eloxia o "ben fundado" veredicto, segundo o cal Ana Sandamil "planificou" a morte da súa filla, en primeiro lugar, tentando darlle unha bebida sedante que non conseguiu que tomase. "Así o proban os restos do líquido que apareceron nas paredes e na mesa de noite e que só poden obedecer a ese intento de forzar á nena a que consumise un fármaco disolto en auga", apunta a sentenza, que tamén ve reflectido este forzamento nas lesións da boca de Desirée e os restos de sangue pola habitación.

A nena, que segundo os forenses morreu por asfixia, presentaba certo grao deste fármaco en sangue e contido gástrico, polo que foi consumido "pouco tempo" antes do falecemento. A respecto da súa situación mental, a sentenza alude a elementos como a consciencia dos feitos, cando espertou á súa nai para dicirlle "Desi morreu", a existencia de "premeditación" no crime ou o feito de que "denegase o acceso a aparellos electrónicos" aos axentes que investigaban o caso. Segundo as persoas que a viron inmediatamente despois da morte de Desirée, como o persoal sanitario, Ana Sandamil "estaba vixil, consciente e orientada" e "non tiña un delirio claro".

Informes médicos

Se ben recoñece a "diferenza" entre os informes dos médicos clínicos e os forenses —os primeiros si apuntaron a un estado de psicose—, a sentenza lembra que a finalidade das consideracións de ambos os tipos de profesionais son distintas, e decántase pola achega dos expertos do Imelga, igual que o xurado. Sobre a intervención dos médicos que a trataron no Hula, apunta que os delirios que refería Ana Sandamil "non estaban referenciados á nena" e sinala que as forenses do imelga detectaron un "importante grao de simulación", alén da inexistencia de "ningún estado psicótico anterior".

"Os forenses son moi claros en que non existe relación entre a posíbel psicose delirante e a morte da nena", recolle o auto, que tamén subliña a "amnesia esaxerada", que "non é compatíbel" coas explicacións dadas por Sandamil á súa chegada ao HULA. Por todo iso, a sentenza considera a Ana Sandamil autora dun delito de asasinato coa agravante de parentesco e imponlle a pena de prisión permanente revisábel. Paralelamente, pide para o pai de Desirée unha indemnización de 250.000 euros, "co pleno coñecemento de que non existe cantidade momentaria que poida indemnizar a dor sufrida por tal persona", engade. Contra a sentenza cabe aínda interpor recurso.