Ana Ojea: "A educación e a diversidade sexual e de xénero deben estar no currículo escolar"

Ana Ojea recibiu en Madrid o 'Recoñecemento Arcoiris' do Ministerio de Igualdade.
A Rede Educativa de Apoio LGTBIQ+ da Galiza recolleu en Madrid o 'Recoñecemento Arcoiris' ás boas prácticas de inclusión da diversidade sexual e de xénero no ámbito educativo.

A Rede Educativa de Apoio LGTBIQ+ da Galiza recibiu este 28 de xuño, Día do Orgullo, o 'Recoñecemento Arcoiris', un galardón que concede o Ministerio de Igualdade a través da Dirección Xeral de Diversidade Sexual e Dereitos LGTBI. Con este agradecemento público, o Goberno Estatal recoñece "as boas prácticas de inclusión da diversidade sexual e de xénero no ámbito educativo", nomeadamente na Galiza, onde máis de 80 profesionais e 60 centros escolares traballan nas aulas a coeducación, a diversidade sexual, de identidade de xénero e familiar e a educación sexual.

A rede educativa

Esta rede constituíse como asociación en maio de 2020, en pleno confinamento pola Covid-19. A idea partiu dun grupo moi reducido de docentes que viña traballando co seu alumnado, "de maneira individual e persoal", a diversidade, a igualdade e a sexualidade. "Eramos illas, sen conexión nin sinerxías", lembra Ana Ojea, coordinadora da rede e profesora de secundaria no IES Politécnico de Vigo. "En  outono de 2019 decidimos facer un chamamento fundacional a través das redes sociais para ver que pasaba".

Naquela altura recibiron unha avalancha de solicitudes, "pero sobre todo constatamos o interese de moitas persoas que anhelaban comezar a traballar temas de diversidade sexual e de xénero nas aulas e que non sabían como comezar".

Ojea sinala a escaseza de cursos de profesorado regrados en materia de igualdade, diversidade e educación sexual, un déficit agravado pola pandemia. "Antes de que as asociacións LGTB asumisen esa iniciativa, non había nada. A xente tiña ganas e moi boas intencións, pero máis medo aínda a facer as cousas mal". 

A asociación integrou o interese destes profesionais e comezou a suplir as súas eivas, ademais das do seu alumnado. Así, docentes, orientadoras e pedagogas fan horas extra dentro da súas xornadas lectivas para atender as súas necesidades, de visibilidade, seguridade e formación. O primeiro, di Ana Ojea, "é empezar a falar do que tradicionalmente foi silenciado no sistema educativo, cousas que transcenden o ámbito privado por que son sociais". No momento en que o persoal docente abre esa porta para falar libremente de igualdade, diversidade e sexualidade, "os tres grandes temas que desexamos incorporar ao sistema educativo", recoñece Ojea, "decátaste de que o alumnado non é que o reclame, é que o necesita con urxencia".

Cambio de paradigma

A atmosfera da aula cambia. Séntense libres para naturalizar as súas opcións, a súa personalidade, os seus desexos. E fano a sabendas de que ninguén vai ser sinalado nin discriminado. "Isto provoca un cambio de paradigma, de relación e de convivencia".

A Rede Educativa de Apoio LGTBIQ+ pretende facer dos estudantes axentes da súa propia educación e das súas necesidades. Darlles seguridade e empoderalos. Mais tamén contribúe a resolver situacións de LGTBifobia familiar e a corrixir as carencias formativas que expresa o alumnado. "Este ano, o meu grupo de 1º de bacharelato non deixou de repetir: 'necesitamos formación en educación sexual, pero que non sexa cisheteronormativa, que fale claro das cousas, porque sexo xa practicamos'", advirte Ana Ojea.

Unha asociación "exemplar" contra a LGTBIfobia nas aulas

A Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ é a primeira e única asociación sen ánimo de lucro do Estado formada por profesionais en activo que buscan incluír e visibilizar a realidade LGBT en todos os contextos educativos co obxectivo de combater os prexuízos LGTBIfóbicos que constitúen a base sobre a que se sustentan as condutas discriminatorias, invisibilización e acoso. Un "exemplo" no Estado, recalcou a ministra Irene Montero. Para poder avanzar, instan a Xunta a recuperar os cursos de formación do profesorado nesta materia. E urxen que a coeducación, a educación sexual mais a educación e diversidade sexual e de xénero "sexan contidos curriculares impartidos por persoas formadas e profesionais". "É fundamental para educar e formar a cidadanía do século XXI, conclúe Ana Ojea.