Ana Miranda: "Volvería facelo"

Ana Miranda [Imaxe @LemaTrillo]

A portavoz do BNG en Bruxelas asegurou á súa chegada ao aeroporto de Barajas (Madrid) que se atopa "ben" malia o cansazo. VÍDEO DA SÚA CHEGADA NO INTERIOR.

 

Ana Miranda atende a chamada de Sermos Galiza ás portas do Congreso español onde desenvolverá unha comparecencia de imprensa xunto a activistas de Rumbo a Gaza após a súa liberación e deportación. 

"Foi criminal", relata por vía telefónica. "Entraron 40 homes armados até a médula con todo tipo de armas", asegura en relación á abordaxe do Marianne en alta mar por parte da armada israelita. 

Inicialmente o exército sionista tentou negociar coa tripulación asegurando que, se accedían a depositar o material humanitario que portaba a Flotilla da Liberdade, o propio exército o trasladaría a Gaza. Unha "chantaxe", asegura a voceira nacionalista en Bruxelas, á que o capitán da embarcación se negou. 

"Usaron a violencia coa xente que estaba na ponte de mando", explica, "non foi moi grave mais imaxínate alí en alta mar". Os argumentos da armada israelita baseaban a lexitimidade do asalto ao Marianne "porque estabamos en augas israelitas". Porén, sinala Miranda, o buques atopábase a 90 millas de Gaza "en augas internacionais". Foi, acrecenta, "un acto de pirataría". 

"Usaron a violencia coa xente que estaba na ponte de mando"

Após a detención da tripulación (18 persoas entre representantes políticos, xornalistas e activistas) foron trasladad@s até o porto de Ashdod. "No traslado apuntánannos [coas armas] e vixiábannos", permitíndolles só ir ao lavabo "acompañadas por dous soldados". 

Á chegada a terra "aquilo semellaba un acto de estado con máis de 300 persoas ondeando bandeiras", di. "Había cámaras e imprensa". De aí, ao centro de detención militar Ashdod para seren interrogad@s. "Sacáronnos os teléfonos xa no barco e a min pedíronme o código ameazándome un [mando] superior". No propio Marianne foi cacheada "tres veces" e logo durante "máis dunha hora cando chegamos" a Ashdod. Un tratamento "esaxerado", sinala. 

"Sacáronnos os teléfonos xa no barco e a min pedíronme o código ameazándome un [mando] superior"

Horas despois permitiron o contacto coas autoridades do Consulado español. A actitude española foi "correcta", explica. "Era o que correspondía". 

Xunto con Ana Miranda foron postas en liberdade máis integrantes da tripulación. O deputado palestiniano da Knesset, Bassel Ghattas; o ex-presidente da Tunisia, Moncef Marzouki, e xornalistas das canles de TV Al-Jazeera e Maori TV. Porén, permanecen en Gibon activistas de Noruega e Suecia. Neste senso, a nacionalista apunta que "ao longo destes días non pararei até que os liberen". 

Ana Miranda avanzou que denunciarán o acontecido, tamén perante a Corte Penal Internacional, da man de Suecia. Até o momento non sabe cando regresará a Galiza embora agarda poder facelo "canto antes". Iso si, non dubida en sinalar que malia todo o vivido "volvería facelo".