75.000 exemplares tiroteados entre 2011 e 2017

Ana Miranda denuncia no Europarlamento as batidas de raposos

Ana Miranda

A europarlamentar considera que estas prácticas non se poden lexitimar baixo a súa consideración como actividade deportiva. Miranda denuncia que as batidas conten co patrocinio do Goberno galego, ben como de Ence e o concello de Cerdedo-Cotobade, "tal e como figura nos seus carteis de publicidade", informa o BNG en comunicado de imprensa.

 

 

"Disparar a seres vivos non pode considerarse como actividade deportiva", xulga a eurodeputada do BNG, quen amosa o seu apoio ás denuncias formuladas pola asociación Libera segundo as cales durante o período 2011-2017 foron tiroteados máis de 75.000 exemplares "por simple disfrute".

 

O BNG censura que, a pesar de non existir ningún censo fiábel sobre a poboación destes animais na Galiza, a Xunta teña autorizado no mínimo sete batidas no conxunto do territorio galego

 

Non só padecen os raposos cos ataques indiscriminados e masivos. Tamén o fai o medio ambiente, danado polo uso do chumbo empregado nos perdigóns. "Non só atopamos unhas prácticas que non son deportivas, senón que por riba son tremendamente contaminantes para o noso medio", conclúe Miranda.