Ana López Suevos: "Moitos delitos sexuais non se denuncian por medo ao proceso xudicial"

[Imaxe: cedida] A maxistrada do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago, Ana López Suevos
Ana López Suevos é maxistrada do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago. Recoñece sentirse moi preocupada polo incremento dos delitos de carácter sexual, que malia a estaren recollidos na Lei galega de violencia de xénero, non son obxecto do xulgado especializado. Denuncia que as agresións e os abusos sexuais son cada vez máis frecuentes e violentos. Pero, sobre todo, insiste no sufrimento engadido que lles causan ás vítimas a investigación e o axuizamento deste tipo de delitos. Eis un extracto da entrevista publicada no número 366 do semanario en papel Sermos Galiza.

A que se debe o aumento dos delitos sexuais?

Non o teño claro. Por iso creo que é urxente que as institucións encomenden un estudo moi serio a nivel estatal para dar coas causas últimas deste incremento e do cambio de modalidade deste tipo de delitos. Eu sei que aumentaron porque son xuíza de instrución, levo 22 anos traballando e podo comparar o que pasaba antes co que pasa agora; pero non existen estatísticas. E son fundamentais, por razóns de política criminal, para facer prevención e poder abordar os autores e a propia investigación.

En que medida se incrementaron os delitos sexuais?

Eu entro de garda cada 15 días. Son gardas de oito xornadas, e hai veces que nese tempo teño cinco delitos de agresión ou de abuso sexual. Son moitos. E non é que antes non se denunciasen, é que non os había. Agora tampouco se denuncian todos. E non estou segura de que se denuncien máis. Outro asunto a estudar: Por que non se denuncia nin se perseguen delitos tan graves, deixando os agresores impunes.

Existe un detonante que explique a suba dos delitos sexuais ao tempo que muda a súa tipoloxía?

Creo que hai un efecto imitación. Por exemplo, no caso das agresións sexuais en grupo. E creo que o porno dirixido aos homes, o dominante, dá unha visión da sexualidade pensada por e para homes desde un punto de vista depredador masculino. Detéctoo a miúdo nalgunhas declaracións. Autores que ven normal ter sexo cunha muller que non deixa de chorar. Non o identifican como falta de consentimento porque o viron nun vídeo. Iso de que o porno mainstream está facendo moito dano podería ser certo, por iso reivindico un estudo serio xa.

Apuntaba cambios significativos no tipo de delitos sexuais que se cometen.

De vello, están os que se producen no ámbito intrafamiliar, que seguen sendo moitos, e os que cometen descoñecidos. Agora hai dous novos escenarios. O da submisión química e o das redes sociais. No primeiro caso someten as mulleres dándolles a inxerir unha sustancia que as converte en autómatas, sen capacidade para consentir nin opoñerse. Sofren amnesia e anestesia, de tal xeito que poden facer con elas o que queiran coa seguridade de que non van recordar nada. Despois está o fenómeno das redes sociais, onde a rapazada queda para coñecerse, ter sexo ou valorar se o van ter. Chegado o momento, a unha rapaza xa non lle dan a posibilidade de dicir que non. Porque non me gustas, non quero desta maneira ou non quero agora, neste lugar. Non teñen opción e son vítimas da violencia e a coacción.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 366 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]