Ana López Cheda é doutora en Estatística

Ana López Cheda: "O modelo de supervivencia serve para adiantarse á diagnose dunha doenza"

A matemática Ana López Cheda. (Foto: Cedida)
A experta en Estatística Ana López Cheda vén de recibir o recoñecemento ao seu traballo no estudo da afección do cancro colorrectal a través dos datos. Tamén tivo oportunidade de estimar a demanda de camas hospitalarias pola Covid-19. Na entrevista, pide unha maior estabilidade na investigación. 

-O traballo polo que vén de ser recoñecida introduce a estatística no estudo do cancro. De que forma o fai?

Traballo nunha rama da estatística que se chama análise de supervivencia. Nesta disciplina estúdase o tempo até que ocorre un evento de interese. Un evento de interese pode ser a morte por cancro, a recaída, a necesidade dunha prótese ou dunha operación... O evento de interese defíneo o investigador segundo o que precisen os médicos. Dentro da análise de supervivencia traballamos cuns modelos que se chaman de curación que o que consideran é que hai unha parte dos pacientes que non vai sufrir o evento de interese. 

-En que parámetros reparan? 

Basicamente o que estudan son dúas cousas. Por unha parte a probabilidade de sufrir o evento de interese segundo algunhas variábeis como son a idade, o sexo... E, por outra, a función de supervivencia dos individuos que van morrer. A partir de deste tempo, canto é de probábel que viva esa persoa.

Dependen sempre de variábeis clínicas que marcan os médicos. 

-O estudo gañador era dun tipo concreto desta enfermidade. 

No estudo co que gañamos o que amosamos é a aplicación destes métodos para pacientes de cancro colorrectal e o que facíamos era modelizar a probabilidade de sufrir o evento de interese, que neste caso era a morte, dependendo da idade do paciente e do estadio da enfermidade, porque inflúe moito. Hai catro estadios e víamos que cando os pacientes estaban no 1, 2 e 3 existían probabilidades de "curarse" e no catro a probabilidade era practicamente cero. 

-Sempre avanzan en colaboración co sector médico?

Tamén temos outros métodos doutro traballo nos que facemos contrastes de hipótese e vemos cales son as variábeis que inflúen nesta probabilidade de cura. É dicir, se os médicos polo que fose non nos poden atender, temos métodos tamén para ver as variábeis. No caso do estudo premiado, foi con médicos do Inibic que nos facilitaron bases de datos de pacientes de cancro colorrectal. 

-A súa investigación atende tamén outros tipos de cancro?

Traballei tamén nunha colaboración co hospital de Santiago en pacientes con sarcoma e tiñamos moitas variábeis xenéticas. Queríamos ver cales influían na posibilidade de morrer por sarcoma. O que estamos facendo agora é colaborar co grupo de Cardioloxía do hospital da Coruña para estudar doentes de cancro de mama. Todas reciben quimioterapia e algunhas desas persoas acaban sufrindo cardiotoxicidade. A veces a quimioterapia é peor para o corpo. 

-Que aplicación teñen estes datos? En que se traducen as estatísticas nos tratamentos?

Quero pensar que serven para a investigación e os tratamentos. Estes métodos que propoñemos agora serven para basear outros modelos estatísticos, porque na rama da análise de supervivencia fíxose moito pero ten que facerse moito máis. Serve como base para diferentes estudos. De que lles serve aos médicos? Vendo as gráficas poden ver como inflúe a idade do paciente no evento de interese, por exemplo, a necesidade dunha prótese. 

-Entón, as análises adiántanse ás fases da enfermidade para poder escoller tratamentos médicos que as eviten?

Si, serven para adiantarse á diagnose que seguramente darían os médicos máis adiante. 

-Un dos problemas que hai na ciencia é a migración das e dos investigadores...

Eu tiven que emigrar tamén. A vida do investigador no Estado español é complicada comparada con outros países nos que si teñen contratos longos. No resto de Europa, en xeral, danlle moita máis importancia aos investigadores e trátanos mellor, dan facilidades para investigar, non teñen tanta carga de docencia...
 
-Hai que incrementar o impulso a este campo na Galiza?

O problema da investigación posdoutoral, xa non na Galiza, senón en España é que hai moi pouco financiamento e as convocatorias recollen contratos moi competitivos. A solución é que haxa máis financiamento pero tamén que aos que temos contrato nos dean algunha garantía de estabilidade. 

-A análise estatística tamén está a axudar na pandemia?

Estou involucrada en varios proxectos grandes nos que estudamos a posibilidade de ingreso dos individuos. Os modelos de curación son útiles porque estivemos a predicir a demanda de camas hospitalarias e pasando os informes a Sanidade. 

Premio á mellor achega estatística

A doutora en Estatística Ana López Cheda vén de gañar, xunto co resto do seu equipo de traballo, o Premio á Mellor contribución metodolóxica en Estatística que convocan a Sociedade de Estatística e Investigación Operativa e a Fundación BBVA. Xunto ao da experta, foi recoñecido o labor do catedrático de Estatística e Investigación Operativa da UDC Ricardo Cao Abad e a profesora da mesma especialidade María Amalia Jácome Pumar. Todas son parte no Centro de Investigación de Tecnoloxía da Información e Comunicacións (CITIC). Así mesmo, tamén se premiou o labor da súa colaboradora da Katholieke Universiteit Leuven (Bélxica), Ingrid Van Keilegom. López garante que non agardaba obter este galardón porque "a análise de supervivencia non é moi coñecida". É o seu cuarto premio pero o primeiro cunha repercusión e un alcance máis amplos.