Ana Jesús López: "Na carreira investigadora vaise perdendo polo camiño o talento das mulleres"

A profesora Ana Jesús López Díaz traballa no Campus de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC), (Foto: Nós Diario)
Ana Jesús López é doutora en Física pola Universidade de Santiago, autora do libro Violencias de xénero, profesora titular de Enxeñaría mecánica da Universidade da Coruña (UDC) e integrante do Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL). Ademais, é a directora da Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC, integra a Investigal e preside o nodo galego da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT), que desde o 8-M ten aberto á participación en redes o proxecto “No more Matildas”, para a achega de datos sobre galegas de ciencia.

Cales son os proxectos actuais de AMIT-Gal?

Estamos a tentar e temos por obxectivo promover e conseguir a igualdade efectiva entre mulleres e homes no ámbito da investigación e da tecnoloxía, o empoderamento, a consecución da igualdade. Recentemente solicitamos unha reunión coa secretaria xeral de Igualdade para ofrecérmoslle a nosa colaboración no desenvolvemento do III Plan Galego Mulleres e Ciencia, porque ademais cremos que está feito para que nós esteamos alí e participemos, por ser a única asociación que ten como obxectivo exclusivo ese empoderamento feminino e esa igualdade efectiva entre mulleres e homes no eido da investigación.

Aceptaron a nosa colaboración pero estamos a agardar que se materialice en algo concreto e pragmático. Cremos que temos moito que achegar porque tamén formamos parte do Observatorio Mulleres e Ciencia do Ministerio de Ciencia e Innovación, estamos na Mesa de Mulleres e Universidades... Non é só o que podemos achegar como socias na Galiza senón que temos un apoio e unha experiencia que nos vén de estar noutros lugares, tamén a nivel estatal.

Cal é a situación da muller no eido da investigación?

Aínda non estamos en pé de igualdade nin no ámbito científico nin no das universidades nin no da ciencia en xeral. O problema non é tanto non estar en situación de igualdade en números senón que as mulleres imos desaparecendo da carreira científica a medida que esta vai avanzando, vaise perdendo polo camiño o talento das mulleres. 

A nivel estatal, nas universidades alcanzamos o posto máis alto en 21%, aquí na Galiza máis ou menos o mesmo... Hai unha forte segregación vertical no ámbito da Ciencia a pesar de sermos a maioría. No Estado español somos 55% de alumnas de grao nas universidades, 50% a nivel de doutoramento, e logo imos desaparecendo.

Que é o que está pasar?

Non é unha causa única senón que é multifactorial. Seguen a funcionar moi ben as redes masculinas, e as mulleres non creamos ese tipo de redes aínda. Non é só, como se vende, a capacidade. Non se trata só de mérito, senón que necesitas, para chegar aos postos máis altos, unhas redes de apoio que as mulleres aínda non conseguimos desenvolver. E isto leva a outra situación, é necesario romper a dinámica e empezar a aplicar medidas de acción positiva a todos os niveis. O que non pode ser é que se vaia perdendo o talento polo camiño. Incluso a nivel económico, que isto pase, é unha perda brutal. 

A carreira investigadora é cada vez máis incompatíbel coa vida. Hai agora movementos para que non se valoren os currículos "ao peso" senón cualitativamente. Aínda se está a penalizar a maternidade, as compañeiras de Investigal moveron todo para que a Xunta incorporase esa perspectiva na lexislación e que non se penalice nas bolsas, nos contratos de investigación... 

Cómpre traballar todo iso xa desde a escola? 

Cada vez a fenda é máis brutal, sobre todo nas carreiras relacionadas coas enxeñarías, a física e as tecnoloxías, e isto reflicte que persisten os estereotipos de carreiras “para homes” e outras “para mulleres”. En AMIT analizamos os libros de texto da ESO, de todas as materias, a presenza das mulleres como referente non chegaba a 10%. Se ti non te ves reflectida... Ninguén che di explicitamente “ti non podes estudar isto porque es muller”, mais esas mensaxes chegan a través dos medios, das redes, das series...