Ana Gato, fundadora de Embruxo

Ana Gato: "Son galega nada en Pontevedra e quería producir un aceite que fose galego a todos os niveis"

Ana Gato é nutricionista e divulgadora de hábitos saudábeis. (Foto: Nós Diario)
Ana Gato e Jorge Fernández son dous emprendedores que lanzaron o aceite galego Embruxo. Trátase dunha pequena empresa que aposta polo valor local e de proximidade, polo ecoloxismo e pola educación alimenticia da súa clientela. O alto valor nutricional de Embruxo fai del o único aceite do mercado coa certificado Aesan, que permite que poida ser distribuído en farmacias. Tanto Gato como Fernández definen o seu aceite como “apócema máxica que encadea”.

-Como naceu a idea de crear unha marca de aceite galego?

Eu son unha nutricionista apaixonada da dieta mediterránea. A base principal dese tipo de dieta é un bo aceite, porque ten moitísimas propiedades positivas. Chegou un momento no que me sorprendín ao ver que non había aceites que cumprisen os requisitos necesarios para posuír os nutrientes precisos. Como son unha emprendedora por natureza, decidín que ía deseñar o aceite que eu consumiría como nutricionista. Embruxo é un aceite de extracción en frío que non se filtra, para evitar a perda de nutrientes. Iso é moi difícil de atopar no mercado. Cada botella leva oito quilos de olivas, que se recollen en verde, para conferirlle ao produto vitamina E e polifenoles. Ademais, embotellámolo baixo demanda para evitar que se oxide e perda propiedades, cousa que non fan outras empresas. Nós gardámolo nunhas tubas e imos decantándoo cada dous ou tres días para que permaneza inalterábel.

-Por que o nome de Embruxo?

Son galega nada en Pontevedra e quería producir un aceite que fose galego a todos os niveis. Un produto feito na nosa terra, que axudase a xerar valor e riqueza, postos de traballo… Ao final, unha cousa levoume a outra. Tiña claro que debía pór un nome que fose en galego con oliva galega. Apostamos polos agricultores da Galiza e facemos contratos con eles para comprarlles o produto. Empregamos olivas da Estrada, de Vilaverde (Melón), na comunidade de montes do Lérez (Pontevedra)… Agora imos plantar na Coruña. 

-É difícil para unha pequena empresa introducirse no mercado de produción e venda de aceite?

Neste mercado é complicado introducirse porque hai moitos aceites, pero como sempre tivemos clara a nosa visión e como nos queríamos diferenciar doutras marcas, non houbo tanto problema. Unha vez lle explicas á xente as propiedades do noso aceite, ves que demandan este tipo de produtos. Pode que sexa unha pioneira, pero hai moitos outros nutricionistas que cada vez máis apostan por ensinar e divulgar que non todos os aceites son iguais. Un aceite cun bo valor nutricional axuda o corpo en moitos ámbitos. Por exemplo, a graxa vexetal do aceite elimina as graxas nocivas doutro tipo de alimentos.

-Que acollida adoitan ter este tipo de aceites ecolóxicos e saudábeis entre as persoas consumidoras?

Moi boa, porque antes de confeccionar o produto final, nós testámolo no mercado para evitar que se acabase convertendo nun aceite que só nos gustase a nós e non ao resto de consumidores. Démolo a probar, e tivemos a sorte de que é un aceite que gusta moito porque conta cun sabor moi afroitado, moi doce. De feito, nós aínda imos iniciar a nova campaña a finais de setembro ou principios de outubro, e desta tempada na que estamos agora xa case non nos queda aceite. Ademais, a xente quere apoiar cada vez máis a produción local para xerar riqueza dentro da Galiza. A sociedade entende que apostar polo de aquí acaba por repercutir positivamente a todos os niveis neles mesmos.

-O seu aceite ten o certificado Aesan, o que lles permite distribuílo en farmacias. 

O noso aceite pódese empregar con fins terapéuticos. O feito de que empreguemos olivas moi verdes fai que os valores nutricionais positivos estean moi por enriba do mínimo recomendado. Iso  fai que aínda que o seu rendemento sexa menor que o doutras marcas, as características saudábeis fan de Embruxo un aceite moi bo para a prevención de certas afeccións relacionadas coa mala alimentación e cos malos hábitos da sociedade.