Ana Bermejo, catedrática de Toxicoloxía: "O alcol é a droga campioa en casos de submisión"

Ana Bermejo traballa no Instituto de Ciencias Forenses da USC. (Foto: Nós Diario).
Ana Bermejo é catedrática de Toxicoloxía e traballa no laboratorio do Instituto de Ciencias Forenses da Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde tamén imparte aulas. Desde a súa experiencia analiza en conversa con Nós Diario o problema da submisión química e as agresións sexuais no lecer nocturno.

—Que é a submisión química e en que contextos se dá?
A submisión química consiste na administración de substancias psicoactivas a unhas persoa con fins delitivos, substancias incapacitantes, ben sexa para facer un testamento, para cometer un roubo ou unha agresión sexual. Nos últimos tempos, é neste ámbito onde máis se centrou o debate debido ao importante aumento do número de denuncias. Con todo, o que observamos, máis que unha submisión química, é o que se chama vulnerabilidade química, referida á situación na que queda unha persoa que consome alcol ou algunha droga por conta propia, e que nesa circunstancia, abusan dela. É o que máis se ve.

—O alcol é o composto que   aparece con máis frecuencia nas mostras biolóxicas que analizan?
É o campión, sen dúbida, o responsábel da maioría dos problemas que se están a dar en noites de lecer e divertimento, o que por suposto non xustifica ningún tipo de abuso ou agresión. Ademais de alcol, atopamos sobre todo drogas como a cocaína e o cannabis. Outras veces chegamos a detectar algunha bezodiacepina ou GHB –gammahidroxibutirato, coñecido tamén como éxtase líquida– unha droga de abuso que se utiliza en submisión química. En casos moi puntuais podemos chegar a identificar a a ketamina, que é un anestésico para animais, ou a escopolamina –burundanga–, que pode ser a substancia máis nomeada pero para nada é a máis utilizada. Estas tres últimas teñen en común que son de efecto rápido e que desaparecen moi axiña do organismo, polo que é moi difícil detectalas.

—Isto di moito da urxencia con que cómpre actuar en caso de denuncia, para dar con esas substancias de acción rápida e curta duración.
Neste ámbito mellorouse moito nos últimos anos. Antes a vítima acudía ao hospital e fartábase de esperar até que chegaba o médico forense. Agora os protocolos que se aplican xa consenten e indican ao persoal médico de urxencias o que teñen que facer antes de nada, que é recoller as mostras biolóxicas que despois se enviarán ao laboratorio seguindo a correspondente cadea de custodia. Xa non hai que esperar o persoal médico forense, que malia todo, segue a ter un papel fundamental en casos de denuncia por agresión sexual, xa que é o encargado de ver e de falar coa vítima. Nós só vemos as mostras. 

—Cales son os síntomas característicos dunha submisión química?
A amnesia. A vítima non recorda nada. Iso é o máis importante. Nas horas posteriores non lembra que pasou. Adoita mostrarse desorientada e con lagoas de memoria. É o efecto que se busca coas substancias que se dan: incapacitar a vítima e ao mesmo tempo desinhibila. Pero isto tamén pode pasar coa inxestión excesiva de alcol.

—É un problema en aumento?
A casuística non é baixa. As denuncias aumentaron nos últimos anos e non alcanzan nin a cuarta parte. Temos datos desde 2009. Empezaron a subir moito a partir de 2018, baixaron un pouco coa pandemia e agora a tendencia volve ser ascendente. Mais non sempre é doado dilucidar se detrás de cada denuncia existiu unha agresión.
Nós non collemos todas as mostras que se xeran na Galiza, unha parte van a Madrid, pero cada mes analizamos varios casos e a maioría dan positivo, perto de 80%, debido sobre todo á presenza de alcol. Cómpre desfacer o mito. Non todo é burundanga, as situacións de submisión ou vulnerabilidade química son resultado case sempre de substancias accesíbeis que se toman de forma voluntaria, o que tamén esixe unha resposta sociosanitaria e pericial.

Unha guía rigorosa para profesionais 

O Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza vén de presentar o "primeiro manual serio" para unha "visión global" sobre a "emerxencia sociosanitaria" da submisión química, unha guía coordinada polos profesores Antonio Rial e Manuel Isorna, das Universidades de Compostela e Vigo, respectivamente. Submisión química e uso de sustancias psicoactivas nas agresións sexuais. Prevención, detección e intervención dun problema multidisciplinar é o título da obra que conta con 11 capítulos e as achegas de profesionais, entre elas de Ana Bermejo, co fin de combater o "descoñecemento" e a "confusión" que existe arredor dun problema moi serio que está a xerar grande alarma entre a poboación. Mais tamén para ofrecerlles ás vítimas, mulleres en 90% dos casos, a mellor acollida.