Ana Belén Cid: "Nas escolas estaría ben ensinar como se fai a reanimación cardiopulmonar"

A tese de doutoramento foi defendida na Facultade de Medicina por Ana Belén Cid Álvarez. (Foto: USC)
Ana Belén Cid Álvarez, investigadora do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e do Centro de Investigacións Biomédicas en Rede de Enfermidades Cardiovasculares (CIBERCV), presentou unha tese na que incide na necesidade dunha maior educación sanitaria para lograr un diagnóstico precoz dos infartos agudos de miocardio. Nesta investigación tomou parte a USC analizando máis de 2.000 pacientes atendidos na área sanitaria compostelá durante a década 2008-2018.  

-Como se formulou a súa tese que analiza o prognóstico dos pacientes con infarto de miocardio?

Recolléronse os datos de 2.170 pacientes que ingresaron con infartos no CHUS, o de referencia no centro da Galiza, e aos que había que atender con toda a rapidez por obstruírse unha arteria e o tempo é moi importante para que non haxa un dano permanente no músculo cardíaco. Entra nunha rede de atención ao infarto na que Galiza foi pioneira a nivel estatal e mesmo europeo aínda que neste centro hospitalario comezara antes, no ano 1995. No traballo recollemos os datos de 2008 até 2018 e valoramos como funciona esta rede: onde consultan os pacientes, canto tardan en acudir, canto tempo tardamos en traelos para abrir esa arteria e logo os determinantes prognósticos na nosa poboación a curto e longo prazo a través dun seguimento. 

-Cales foron as principais conclusións que tirou do seu traballo de investigación?

Vimos que había un tempo bastante prolongado entre que recoñecen a dor e contactan co sistema sanitario. Unha vez que o fan tardamos pouco en atendelos, uns 90 minutos, mais eles tardan unha media de 105 minutos. Atopamos que os grupos de poboación que máis tardaban as mulleres, os anciáns, os pacientes sen unha cardiopatía previa e os que non chaman ao 061. Estes datos son importantes á hora de estabelecer campañas educacionais que son máis efectivas se se dirixen a unha poboación en concreto.

Analizamos onde consultan os pacientes e vimos que veñen moitas veces no seu coche ao hospital ou van á atención primaria mais chaman con menor frecuencia ao 061 que sería o máis seguro e o máis rápido. Ademais contan cun desfibrilador e se teñen unha arritmia pódese tratar. Unha das conclusións de mellora sería este programa educacional. No seguinte paso, cando xa está no quirófano e podemos abrir esa arteria o tempo é óptimo menos nunha zona que é a comarca do Barbanza na que é máis prolongada que a media por ser o traslado máis lento. Este último punto xa depende da propia Administración.

Este análise pode ser exportábel mais a atención que temos aquí non se conseguiu no Estado español até o 2018 cando aquí comezou no 2005. Coa súa difusión a través das redes sociais un compañeiro de Perú chamoume para pedirma por ter interese en implantala no seu país.

-A poboación na Galiza sabe distinguir os síntomas neste tipo de doenzas como para actuar da maneira correcta?  

Un dos síntomas do infarto son esa dor no peito que moitas persoas describen como un peso que tamén se dirixe cara un dos brazos, o esquerdo ou o dereito, e mesmo chegar até a mandíbula. O importante é contactar rápido se tes unha dor sospeitosa no peito que non se che pasa sobre todo nas persoas de risco como son as persoas fumadoras, diabéticas ou con antecedentes familiares. O 061 poden dirixir ao médico do centro de saúde ou levar unha ambulancia. Ao mellor non é nada grave mais é preciso descartar que non o sexa. 

Hai educación na poboación para iso? Cada vez máis aínda que detectamos que hai unha posibilidade de mellora. Por exemplo, teño claro que debería mellorarse a educación sanitaria. Igual que nas escolas galegas estaría ben ensinar a todas as nenas e nenos como se fai a reanimación cardiopulmonar. A educación sanitaria debería comezar a terse moi en conta. As crianzas ensinan moito tamén nas súas casas, ás súas familias.