A capacidade das mesas da hostalaría verase ampliada e eliminaranse os límites de reunión

Persoas consumindo na terraza dun bar de Lugo o pasado 12 de decembro de 2020. (Arquivo-Carlos Castro / Europa Press).

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo, avanzou na cuarta feira que a hostalaría verá ampliada a capacidade de atender en cada unha das súas mesas, de maneira que se poderán xuntar grupos de até oito persoas en interiores e de 15 en exteriores, fronte ás seis e dez actuais, e que decaen os límites de encontros sociais.

En declaracións aos medios en Ferrol, o mandatario galego expuxo que a Xunta da Galiza permitirá a ampliación da capacidade máxima das mesas de locais hostaleiros das seis persoais actuais en interiores a oito.

Tamén van poder sentar nas terrazas grupos de até 15 persoas, fronte ás 10 actuais.

Por outra banda, Feixoo explicou que ante a incidencia actual, "deben de caer as limitacións que existían" a respecto da circulación na vía pública ou para a reunión de conviventes desde as 3 da madrugada. "Agora non ten moito sentido", manifestou.

Avanzou ademais que nas seguintes reunións dos comités clínicos seguirán a estudar tanto a aplicación da sentenza do Tribunal Supremo (TS) sobre o certificado Covid, que o avala para determinadas situacións epidemiolóxicas e en determinados puntos xeográficos, así como a busca dunha "formulación conxunta" para o lecer nocturno que posibilite ampliar horarios. "Pero estamos en pleno estudo", apuntou.

Engadiu que espera que, para principios de outubro, se confeccione "un horario de hostalaría, lecer nocturno e o novo protocolo para pasar o outono", que é un momento de "risco" pola situación atmosférica.

A Consellaría de Sanidade non ofreceu máis datos ao respecto.

Estas medidas serán publicadas no DOG nos próximos días e prevese que entren en vigor o sábado ás 00 horas.