Ampliada a prórroga para as ITV caducadas durante o estado de alarma

(Europa Press)

A orde entra en vigor xa este sábado, 16 de maio. Serán 15 días naturais por cada semana transcorrida desde o inicio dese período até que se produciu o vencemento.

O Goberno ampliou a prórroga da validez do certificado de inspección técnica periódica (ITV) dos vehículos cuxa data de próxima inspección estea comprendida durante o estado de alarma en 15 días naturais por cada semana transcorrida desde o inicio dese período até que se produciu o vencemento.

Segundo recolle o Boletín Oficial do Estado (BOE), a orde entra en vigor desde este mesmo sábado, 16 de maio, e dítase co obxectivo de posibilitar a realización do "elevado número" de inspeccións técnicas periódicas de vehículos que quedaron pendentes tras a declaración do estado de alarma.

O pasado 6 de abril, ditouse a Orde SND/325/2020 pola que se prorrogaron os certificados de inspección técnica de vehículos até os 30 días naturais posteriores á finalización do estado de alarma e as súas posíbeis prórrogas.

Agora, segundo o estabelecido pola Orde do Ministerio de Sanidade, os períodos para pasar a ITV serán periodizados e fixaranse segundo as datas a continuación detalladas:

-Semana 1, do 14 a 20 de marzo: 30 días e outros 15 adicionais.

-Semana 2, do 21 a 27 de marzo: 30 días e 2 períodos de 15 días.

-Semana 3, do 28 de marzo a 3 de abril: 30 días e 3 períodos de 15 días.

Os anteriores períodos non se aplicarán á validez dos certificados de inspección técnica periódica dos vehículos agrícolas destinados a labores no campo, que será prorrogada até o 10 de novembro de 2020.

Unha vez realizadas as inspeccións técnicas periódicas dos vehículos cuxos certificados sexan obxecto de prórroga automática, tomarase como referencia a data de validez que conste na tarxeta ITV e non computará, en ningún caso, a prórroga dos certificados concedida como consecuencia da declaración do estado de alarma e das súas sucesivas prórrogas.