Anpas e sindicatos solicitan á Xunta dar por finalizado o curso escolar

As asociacións de nais e pais da Galiza enviaron un escrito á Consellaría de Educación na que solicitan dar por finalizado o curso escolar 2019-2020 con data de 13 de marzo.

Así figura nun comunicado conxunto da Confederación Anpas Galegas, Confapa Galiza, CIG-Ensino, FESP-UXT, CCOO Ensino, CSIF Ensino e ANPE.

Desta forma, emprázase á Xunta ao establecemento de criterios de avaliación "excepcionais" que posibiliten a promoción do alumnado.

Entre outras cuestións, pídese reorganizar os currículos para o vindeiro curso académico, así como traballar en mecanismos compensatorios que eviten un esforzo "inasumíbel" das e dos estudantes no curso académico 2020-2021.

Explican que "non hai capacidade real" para impartir telematicamente os contidos e que cheguen a todos os estudantes, "tanto pola falta real de acceso á rede como pola falta de medios tecnolóxicos nas familias". A isto súmase a ausencia de directrices e de posibilidade de facer un seguimento do traballo que fai o profesorado na casa.