Amnistía Internacional pon o dedo nas carencias da Galiza na loita contra as violencias machistas

“Non ten centro de crise de atención permanente, nin protocolos de actuación nin teléfonos específicos contra a violencia de xénero”, sinala.

Amnistía Internacional considera que o combate contra o que denomina “violencia sexual” non é unha “prioridade” en comunidades como Galiza. Embora que as denuncias por violencia machista continúen a aumentar, Galiza carece un centro de crise con atención permanente e non dispón de teléfono especializado, algo que só posúen catro territorios no Estado.

"Ningunha comunidade conta cun centro de crise que atenda de maneira integral as mulleres vítimas de violencia sexual as 24 horas do día, tal e como recomenda o Consello de Europa”, di AI. “E só 10 comunidades contan con centros especializados”, sinala Verónica Barroso, responsábel de relacións institucionais de Amnistía Internacional España. 

Amnistía Internacional valora positivamente campañas de sensibilización impulsadas tanto polo Ministerio de Presidencia como por comunidades como Catalunya, Balears ou Cantabria, baseadas na liberdade sexual e seguridade das mulleres.

Sete medidas "urxentes"

AI propón 7 medidas “urxentes” neste tema. Entre elas, a creación de centros multidisciplinares que atendan de maneira permanente ás vítimas; impulsar  campañas para a prevención da violencia sexual, ou a reforma do Código Penal, centrándose no consentemento libre e expreso dado pola muller.