Amnistía Internacional alerta das eivas na detección da trata

O informe advirte das dificultades de identificar e asistir vítimas de trata para explotación sexual.
Amnistía Internacional publicou o informe "Cadeas Invisíbeis" no que denuncia, a partir dunha investigación que chegou a distintas poboacións galegas, as "graves eivas estruturais" do Estado español na identificación e, por tanto, na protección das vítimas de trata con fins de explotación sexual. 

Como revela Amnistía Internacional, só mil das 75.000 persoas que, segundo o Goberno estatal, estaban en situación de risco de trata con fins de explotación sexual foron identificadas como vítimas nos últimos sete anos.

Para realizar este traballo, a ONG mantivo entrevistas con autoridades, sobreviventes e entidades que prestan axuda ás vítimas. Na Galiza, entrevistouse con membros da Unidade Central de Redes de Inmigración Ilegal e Falsidades Documentais de Compostela e coa Garda Civil na Coruña, ademais de manter contactos con organizacións que traballan con mulleres nesta situación como Cáritas ou Ecos do Sur. 

  "A identificación é o primeiro paso e resulta fundamental para protexer as vítimas e garantir a súa asistencia, acceso á xustiza e dereito á reparación. Se non se detecta as posíbeis vítimas, os seguintes pasos son inexistentes", explica Virginia Álvarez, autora da investigación.

Como pon de relevo a organización, a identificación de vítimas de trata recae exclusivamente en mans das forzas e corpos de seguridade do Estado, polo que non sempre se garante un enfoque de xénero e de protección de dereitos humanos. Nos últimos tres anos, o número de vítimas identificadas do total de persoas rondou 1,5%. En 2019, só 42 mulleres foron identificadas formalmente como vítimas de trata, das 2.834 potenciais.