Amnistía Internacional impulsa unha 'acción postal' en solidariedade con persoas detidas por defenderen os dereitos humanos

Acto reivindicativo de Amnistía Internacional fronte á sede de Correos en Santiago de Compostela, esta quinta feira. (Foto: Arxina)
O evento tivo lugar na mañá desta quinta feira fronte á sede de Correos na capital galega e estaba dirixido, en concreto, a persoas presas en Camerún, Cuba e Marrocos.

O grupo local de Amnistía Internacional de Santiago organizou esta quinta feira unha 'acción postal', co obxectivo de apoiar tres persoas detidas e encarceradas por defenderen os dereitos humanos en Marrocos, Camerún e Cuba.

A acción, que tivo lugar diante da Oficina de Correos, situada na rúa do Franco, consistiu na repartición de postais para "enviar apoio a estas persoas e mostrar ás autoridades que non son vítimas esquecidas". Así, as cartas poden ser enviadas polas propias persoas ou entregadas á organización para que as envíe.

O grupo local explicou que este tipo de campañas "funcionan moi ben, xa que chegan millóns de cartas de todo o mundo". Así, explicaron que "os gobernos ou institucións que están a incumprir a lexislación internacional ven que o resto do mundo está ao tanto, xérase presión e adoitan liberalos".

Deste modo, apuntaron que se trata de procesos longos e que "adoitan pasar dous ou tres anos até que se complete todo". Amnistía Internacional leva a cabo este tipo de accións desde o ano 2001 e nelas involucráronse xa persoas de máis de 200 países.

Máis concretamente, esta campaña busca conseguir a liberación de Dorgelesse Nguessan, arrestada no ano 2020 nunha manifestación á que acudiu ao estar preocupada polo estado da economía de Camerún. Ffoi arrestada e retida durante máis dun ano e, posteriormente, condenada a cinco anos de prisión.

Amnistía tamén pediu axuda para Luís Manuel Otero Alcántara, un artista independente afrocubano e figura clave do Movemento San Isidro, que defende a liberdade de expresión en Cuba. Otero foi detido no marco das protestas levadas a cabo o 11 de xullo de 2021 e sentenciado, o pasado mes de xuño, a cinco anos de cárcere.

Por último, reclaman apoio para o marroquí Nasser Zefzafi, que foi arrestado en 2017 e sentenciado a 20 anos de prisión, tras converterse nunha figura relevante no movemento Hirak O-Rif, que demanda dereitos sociais, económicos e culturais para a rexión do Rif.