'Amigo, dáte conta': a campaña que busca concienciar a mocidade ante a violencia machista

Campaña da Delegación do Goberno español na Galiza instalada en Ames, na comarca de Compostela. (Foto: Nós Diario)
A mostra poderá visitarse en Bertamiráns, Ames (comarca de Compostela), durante todo o mes de febreiro.

O Concello de Ames (comarca de Compostela) é a nova parada da exposición ‘Amigo, dáte conta’, estreada o pasado día 10 de novembro como parte do programa de actos que a Delegación do Goberno español na Galiza levou a cabo con motivo do Día Internacional contra a violencia machista.

Esta exposición presenta, a través de carteis informativos e viñetas, actitudes relacionadas coa violencia machista, fundamentalmente no ámbito da parella, para concienciar a poboación máis nova.

Na inauguración, da que informou a Delegación nun comunicado, o delegado, Pedro Branco, destacou que "buscan concienciar a mocidade para que se sume á loita contra o machismo", "construíndo unha sociedade igualitaria, inclusiva, máis xusta e libre da violencia de xénero".

Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, lembrou a ameaza que supoñen as actitudes que negan a violencia de xénero e destacou a importancia de que unha exposición destas características chegue ao concello "máis novo da Galiza". "Os valores que inculquemos hoxe serán os que predominen en Ames no futuro e eu quero un Ames igualitario e libre de violencia de xénero", dixo.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Uxía García, explicou que o Concello de Ames terá sempre as portas abertas a iniciativas deste tipo e agradeceu á Delegación do Goberno español na Galiza a súa implicación en materia de loita contra a violencia de xénero con campañas deste tipo.

Durante todo o mes

Esta iniciativa do Goberno do Estado español estará durante todo o mes de febreiro na praza da Maía de Bertamiráns e consta con seis prismas que recrean conversacións cotiás a través dunha linguaxe máis próxima á mocidade, con carteis informativos e viñetas que reflicten actitudes e realidades de violencias machistas, en especial no ámbito da parella.

Nos debuxos reflíctense situacións e comportamentos de desprezo, machismo, violencia psicolóxica, abuso emocional e obsesión.

Ademais das viñetas, na mostra pódense ler varias frases con datos sobre as mulleres na adolescencia obtidos a partir dun estudo realizado polo Ministerio de Igualdade sobre unha mostra máis de 13.000 persoas de 14 a 20 anos.