O amianto obriga a Renfe a retirar 17 vagóns do Intercity Galiza-Euskadi

Detectouse amianto no interior dos coches do tren que une A Coruña con Hendaia e que data dos anos oitenta (A. Marques)
Este domingo deixarán de circular e quitaranlles o asbesto 

Renfe substituirá un total de 17 coches do servizo Intercity Galicia-Euskadi pola presenza de amianto no interior dos vagóns. Fontes de Renfe aseguran que retirarán os vagóns da circulación o vindeiro domingo, que lle quitarán o amianto e que os devolverán á circulación.

O problema foi detectado tras inspeccionar catro destes vagóns que realizan este percorrido, descubríndose amianto en tres deles. A compañía sinalou que estas deteccións se produciron en diferentes espazos, como unha peza no interior dun armario ou no recubrimento da calefacción.

A pesar diso e tendo en conta a antigüidade destes vagóns, a empresa decidiu realizar unha substitución completa dos coches que operan nesta liña, que une A Coruña, Santiago, Ourense, Vigo, Redondela, Guillarei, Monforte, San Clodio, A Rúa, O Barco, Ponferrada con Bilbao e Irún-Hendaia.

O sindicato CXT xa solicitara a substitución destes vagóns, datados dos anos 80, polo "mal servizo que estaban a dar", tanto por avarías como por problemas nos equipos (aire acondicionado, enchufes ou accesibilidade). 

Así mesmo, pedirá que se realicen revisións médicas aos traballadores para avaliar se presentan algunha consecuencia pola exposición ao amianto.

Os sindicatos levan anos defendendo as condicións de traballo do persoal de Renfe e cifran en máis de mil as traballadoras expostas ao amianto na empresa desde que se comezou a controlar a súa presenza nos anos noventa. 

De retirarse este tren de locomotora con coches convencionais en servizo comercial, este tipo de composicións quedarán relegadas aos trens históricos e turísticos que empregan as compañías Renfe e Alsa