Anpas de Redondela denuncian a presenza de amianto en descomposición nos centros de ensino "sen que a Consellaría faga nada"

No IES Pedro Floriani hai presenza de amianto en estado de descomposición, denuncia a Federación de Anpas de Redondela. (Foto: Nós Diario)
Detectaron este elemento no IES Pedro Floriani, o CEIP de Cedeira e a EEI de Cesantes.

A Federación de Anpas de Redondela denunciou esta quinta feira, a través dun comunicado, o "estado de descomposición e erosión" que presenta o amianto visíbel dentro das instalacións do IES Pedro Floriani, o CEIP de Cedeira e a EEI de Cesantes. Estes tres centros de ensino, afirman no escrito, "están cheos de amianto".

"No caso do IES Floriani e o CEIP de Cedeira puidemos comprobar que está en moi mal estado, pois desde que se construíron a principios da década dos 80, o amianto xa ten superado a súa vida útil, polo que é friábel; é dicir, que está descompoñéndose", sinalan.

Esta cuestión xa lla trasladaron á Consellaría de Educación en reiteradas ocasións, sen que o Goberno galego tomase medidas para solucionalo. "Xa son varios anos advertíndoo", afirman. A última vez foi no consello escolar municipal decorrido o pasado 29 de marzo, unha reunión na que, aseguran, o alumnado informou Inspección da presenza de amianto.

As Anpas aluden ás recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) no que atinxe ao amianto —pide a súa supresión— e mais os seus efectos, xa que é considerada unha substancia canceríxena especialmente perigosa: "Un cancro asociado exclusivamente ao amianto ten unha mortalidade de 100%".

Porén, a pesar do "grave risco" que supón a exposición ao amianto para o estudantado, a Federación expón: "Nin o xefe territorial en Pontevedra da Consellaría, nin a subdirectora xeral de Construcións e Mantemento, nin o secretario xeral técnico, nin finalmente o conselleiro [Román Rodríguez], teñen tomado, que saibamos, decisións para eliminalo definitivamente".

"Ao contrario que a Consellaría, os equipos directivos do IES Pedro Floriani, CEIP de Cedeira e EEI de Cesantes están a traballar, e fan todo o que poden, para erradicar o amianto, pero non teñen os medios necesarios. Non está nas súas mans resolvelo completamente", lamentan.

Por iso, instan Educación á "retirada inmediata", durante o paro de verán, "de todo o amianto dos centros educativos de Redondela". Aliás, fan un chamado a todas as Anpas do país "para que estuden e denuncien a presenza de amianto" en cadanseu centro.

Tamén piden ao profesorado que se negue a impartir aulas "neste ambiente insalubre" e aos sindicatos e formacións políticas para "exixir responsabilidades" e "cortar de raíz" o problema.