SOCIAL

Ameazas nazis contra unha ONG coruñesa de apoio a migrantes

Migrantes

Esvásticas e outros símbolos de ultra-dereita apareceron pintados nunha furgoneta de Equus Zebra poucas semanas despois de varias denuncias da comunidade africana sobre actitudes racistas.

A furgoneta que usa a ONG de apoio a persoas migrantes Equus Zebra da Coruña foi atacada con pintadas de marcada tendencia racista a principios desta semana, no que se converte na primeira ameaza deste tipo que recibe a organización, que segundo o seu presidente, Victor Ombgá, xa denunciou os feitos nas instancias oficiais.

 

O vehículo da ONG apareceu pintando con simboloxía nazi, concretamente cunha esvástica, unha -así denominada- cruz céltica, habitual entre bandas ultras, e tamén as cifras 14/88, moi utilizadas por movementos de extrema dereita e que teñen a súa orixe nas catorce palabras dun xuramento nazi e nas iniciais HH de Hail Hitler, transformadas no número oito que a H ocupa no alfabeto.

 

Equus Zebra é unha asociación fundada en 2000 que ten como obxectivos “axudar á promoción integral de persoas e grupos empobrecidos e excluídos” ou “realizar accións de sensibilización para demostrar á sociedade os beneficios dun mundo intercultural onde os dereitos humanos sexan respectados independentemente da raza ou país de procedencia”.

 

Esta ONG traballa fundamentalmente coa comunidade migrante. Precisamente, a africana leva tempo enfrontada ao concello. Hai unhas semanas, un grupo de nixerianos denunciaron “acoso racista” por parte da policía municipal.

 

As pintadas puxeron en alerta a varios grupos de moz@s antifascistas da urbe, na que non se coñecía nos últimos anos actividade de grupos neonazis, se ben non se descarta que a presente acción fose realizada por persoas de paso pola Coruña no verán, malia que o concreto da organización ameazada fai pensar nun individuo ou grupo que si coñece a cidade, dado o moi visíbel que é o traballo que nela realiza Equus Zebra.