Ameaza amarela

(Adega)

O eucalipto non é a única árbore que chegou de Australia. As mimosas botan unhas das primeiras flores que se poden ver noano. Esta árbore, que viste cada vez máis montes galegos, é unha especie invasora. Trátase dunha das seis variedades de acacias que hai na Galiza e que supoñen unha ameza para a biodiversidade. Ademais diso, nas súas follas atopáronse insectos exóticos que poden transmitir enfermidades a cultivos como as vides ou as oliveiras.

O ano camiña lixeiro cara á primavera. A flor amarela das mimosas son a antesala do que está por vir. O seu arrecendo acompaña os primeiros raios de sol que quentan a terra enxugada. A pesar da súa aparencia e olor, as mimosas son unha árbore perigosa. É unha especie de acacia que, xunto con outras variantes da mesma, se estendeu por case toda Galiza. É altamente invasora e reprodúcese con enorme facilidade. Ademais diso, canda ela viaxan insectos exóticos que poden transmitir enfermidades a outros cultivos, como son as vides ou oliveiras.

As acacias pertencen á familia Fabaceae e, ao igual que o eucalipto, son nativas de Australia. Hoxe en día, na Galiza atópanse até seis variedades desta especie que figura no Catálogo de Especies Exóticas Invasoras. Unha das máis estendidas é a coñecida como mimosa (Acacia dealbata), que chegou principalmente a través de dúas vías. "Unha delas é a ornamental e a outra é, como ocorre no caso do Ribeiro, polo seu uso para as vides", explica Ramsés Pérez, coordinador de educación ambiental de Adega.

As pequenas plantacións de mimosas na comarca do Ribeiro fixéronse para extraer varas fortes e duras. "Cando se abandona o rural, estas árbores deixan de ter o uso que tiñan e acaban estendéndose", di Pérez.

Unha das principais características das acacias é a súa elevada taxa de reprodución. "Cando hai degradacións de terra é cando se estenden, aproveitan as creacións de infraestruturas, como foi o caso da vía rápida do Morrazo, ou os incendios", sinala Pérez. Son plantas pirófitas. Nas zonas queimadas, se hai acacias próximas, as súas sementes xerminan mellor. Ao arder os resto de árbores, non teñen quen lles faga sombra e aproveitan ben a luz que lles chega.

O investigador da Universidade de Vigo, Jonatan Rodríguez, realizou diversos estudos sobre esta especie invasora en colaboración con universidades portuguesas. Un deles é referido aos lugares onde medra. Sabíase que os terreos degradados son idóneos para a súa expansión. Na investigación, Rodríguez partía de preguntarse que acontecía nos espazos onde non hai ningunha perturbación na terra. "Fixemos medicións durante dous anos e comparamos o crecemento das mimosas en dous ecosistemas: as matogueiras e os piñeirais. Vimos que, nestes últimos, medran máis porque hai maior posibilidade de que pase luz entre os piñeiros", explica Rodríguez.

Pola contra, nas matogueiras, as capas densas de toxos e xestas non deixan entrar a luz e as mimosas ven reducida a súa dispersión.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube