Só no semanario

Ambulancias: descontrol e irregularidades

sergas 2

O sector de emerxencias sanitarias pasa por un grave deterioro na Galiza ante os recortes, a precariedade e os constantes incumprimentos das adxudicatarias. A xustiza investiga un dos últimos concursos públicos da Xunta por posíbel trato de favor e amaños para beneficiar unha empresa próxima ao PP. Dedicamos a isto o tema de primeira do Sermos Galiza 233. Eis un extracto.

Descontrol público, falta de recursos, risco para a saúde das persoas ou irregularidades nas adxudicacións. Este é o panorama que debuxan os traballadores e traballadoras de emerxencias sanitarias da Galiza, que representa case 3.000 persoas no país. Denuncian que hoxe hai menos ambulancias dispoñíbeis das que ten contratadas o Servizo Galego de Saúde (Sergas), menos efectivos dos necesarios para asistir as persoas, excesos de horas e desvíos para servizos privados, salarios por baixo do marcado e falta de limpeza e desinfección adecuada dos equipos.

Así, o persoal do sector vén reivindicando desde finais de 2015 a revisión do convenio laboral, paralizado pola patronal coa complicidade institucional, segundo denunciou reiteradamente a CIG. Folgas e protestos que se sucederon sen resposta por parte dos responsábeis do 061, da Consellaría de Sanidade ou do Sergas. Malia todo, as últimas concesións públicas para o transporte sanitario no país evidenciaron a continuidade destas políticas desde a Xunta. E nun sector que nos últimos anos tendeu á concentración, unha empresa próxima ao PP destaca entre as principais beneficiadas.

A compañía Ambuibérica, un xigante das concesións de ambulancias do Estado propiedade dun fondo de capital risco, resultou adxudicataria de parte do servizo de transporte sanitario urxente de Galiza, nun proceso marcado polas sospeitas.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 233, á venda no quiosque e na loxa]