Ambientalistas acusan a Xunta de "recuar" ante Naturgy

Ecoloxistas en Acción denuncian que Augas de Galicia impón unha sanción “irrisoria” á eléctrica malia “se demostrar o incumprimento sistemático do caudal ecolóxico no encoro de Ponte Inferno, no río Verdugo, e de que esta empresa fai “apropiación indebida dunha concesión caducada”.

Ecoloxistas en Acción lamenta que o expediente sancionador que sinala que Augas de Galiza ditou contra Naturgy Wind, SL. polos incumprimentos do réxime de caudais ecolóxicos fixado para o Salto de Ponte Inferno fique en auga de castañas:,"Á hora de aplicar a sanción escudáronse nunha estimación infravalorada dos danos causados para fixar un importe irrisorio de 7.000 euros como pena".

A organización ecoloxista denuncia a “arbitrariedade” da estimación dos danos causados pola “irresponsabilidade ecolóxica de Naturgy”. Unha estimación que Augas de Galiza, afirman, non sustenta con ningún informe. Para Ecoloxistas en Acción o delito ecolóxico cometido por Naturgy no río Verdugo debe ser tipificado como infracción grave segundo o Regulamento do dominio público hidráulico.

A organización ecoloxista argumenta que segundo o regulamento para a cuantificación do dano causado, débese valorar ter que restaurar a zona degradada pola exposición das marxes a unha seca forzada pola falla de caudal, considerando unha franxa de vexetación de ribeira afectada a 1 metro de cada lado, e a instalación de trampas de grava cada 350 metros.

Ademais, apuntan que a perda de auga de 1,71 Hm3 e o estreitamento do leito puideron poñer en risco especies de flora e fauna asociada a niveis de auga superiores, debéndose estimar tamén o custe da recuperación das poboacións danadas e da restauración do río.

Ecoloxistas en Acción lamenta o que cualifica como “febleza” da Xunta perante Naturgy

A organización ambientalista lembra que ademais do sistemático incumprimento do caudal ecolóxico tanto líquido como sólido hai que ter en conta o agravante de que a empresa enerxética leva case tres anos “explotando ilicitamente o aproveitamento hidroeléctrico de Ponte Inferno cunha concesión caduca”.

Ecoloxistas en Acción solicita “sancións exemplares para acaba coas malas practicas do oligopolio hidroeléctric”o e no caso concreto do aproveitamento hidroélectrico piden que se cumpra  a lei e que se declare extinta a concesión sen isto exima a Naturgy da execución das melloras impostas pola Administración e ratificadas polo órgano xudicial  tales como a redución da altura da presa en 5 metros, implantación dun sistema que evite a introdución de peixes na canle de derivación, construción dun paso para peixes que funcione, e a falta de medidores de caudal no punto de toma e na entrada do paso para peixes, que impiden que se poida comprobar que o concesionario está respectando o caudal ecolóxico.

Indican que a extinción da concesión e a restauración do río e os seus ecosistemas está apoiada polos Concellos de Soutomaior e de Ponte Caldelas, a Confraría de Pescadores de Arcade, e diversas asociacións e fundacións.

Ademais, conclúen, no informe emitido polo Servizo de Planificación Hidrolóxica de Augas de Galiza, faise constar o mal estado da masa de auga, debido a que o aproveitamento modifica a dinámica fluvial do río e facilita a instalación de especies exóticas invasoras, propoñéndose unha serie de melloras que farían posible que a masa de auga pasase a unha situación de "moi bo estado".