'Amarrar as palabras' un documentario sobre os procesos de confluencia cara ao 20-D

Fotograma de 'Amarrar as palabras' con Xosé Luís Rivas, Mini, un dos protagonistas

Miguel A. Romero e Francisco Ferreira asinan esta peza audiovisual que acompañou os debates dos que xermolarían Nós-Candidatura Galega e En Marea. TRAILER E DATAS DAS PROXECCIÓNS NO INTERIOR. 

Ao longo do mes de maio será presentado en distintos puntos do país 'Amarrar as palabras', un documentario sobre os procesos de confluencia que tiveron lugar na Galiza de cara ao proceso electoral do 20 de decembro. 

A peza audiovisual, realizada por Miguel A. Romero e Francisco Ferreira, componse de gravacións e entrevistas decorridas en 2015 após as eleccións municipais e que visaron a creación dunha candidatura unitaria entre o nacionalismo galego, as forzas da esquerda estatal e as candidaturas municipalistas. 

O documental céntrase especialmente nos intentos falidos que se deron para organizar unha candidatura galega unitaria

"O documental céntrase especialmente nos intentos falidos que se deron para organizar unha candidatura galega unitaria, e de base cidadán (non partidaria) nesas eleccións, e nas dúas plataformas cidadás que, en boa medida, protagonizaron eses intentos: “Encontro Cidadán por unha Marea Galega” e “Iniciativa pola Unión”", explican os seus creadores. 

Un proceso que, sinalan, se produciu após as eleccións municipais e os resultados colleitados polas candidaturas municipalistas. "Este éxito abría oportunidades inéditas fronte o bipartidismo nas seguintes eleccións xerais dese ano, e nas galegas do 2016, ofrecendo unha formula para sumar forzas, e superar as limitacións e debilidades dos partidos tradicionais", acrecenta. 

O filme baséase nos principios do cinema directo ou verité sen narrador, con iluminación natural e ausencia de guión pre-fixado

"Nun principio gravamos entrevistas, e fomos colgando partes delas nunha páxina de Facebook que abrimos baixo o título provisional de “Confluencia?”, en referencia a incerteza do proceso en marcha. Sen embargo o proxecto foi derivando estilisticamente cara os principios do “cine directo”, ou cinema verité (cámara en man, iluminación natural, ausencia de guión preestablecido, narrador e entrevistas...), que ofrece unha narración máis áxil, baseada na interacción dos personaxes e no ritmo da montaxe, fronte a outros formatos máis convencionais e ríxidos", sinalan Miguel A. Romero e Francisco Ferreira. 

Seis meses marcados, din, pola "tensión", a "ilusión" mais tamén a "división" que serviron de escenario para 'Amarrar as palabras'. 

O trailer do documentario foi pendurado xa na rede através da plataforma Vimeo. Porén, será proxectado ao longo das vindeiras semanas en distintos puntos do país.

TRAILER AMARRAR AS PALABRAS from Miguel A. Romero on Vimeo.

Datas, horas e lugares das proxeccións:

  • Sábado 7- Vigo: Auditorio Municipal de Teis, 8.15 pm. 
  • Martes 10- Compostela: Teatro Principal, 8.30 pm
  • Mércores 11- A Estrada: Auditorio do Museo do Moble, 8.30 pm. 
  • Xoves 12- Ourense: Biblioteca Municipal (salón de actos), 8 pm.
  • Xoves 19- Cangas: Auditorio Municipal, 9 pm.