Nove de cada dez estudantes con discapacidade foron vítimas de acoso: "Manipulábanme, insultábanme"

O acoso nos centros de educación especial redúcese a 3%. (Foto: Nós Diario)
Persoas expertas debullan nunha xornada organizada no Senado a realidade do 'bullying' nos centros de educación ordinaria. Até 33% do alumnado sentiuse "illado, rexeitado ou excluído".

A porcentaxe de alumnado con discapacidade que sofre acoso nos centros de educación ordinaria pode superar até 90%, mentres que nos centros de educación especial non chega a 3%, segundo os datos que se expuxeron esta segunda feira na xornada Bullying e discapacidade na Escola, organizada polo Consello Español para a Defensa da Discapacidade e a Dependencia (CEDDD) no Senado.

As persoas expertas apuntan ás ratios elevadas, a irrupción das tecnoloxías móbiles e, sobre todo, á ausencia de valores como as principais causas de que as porcentaxes de acoso nas aulas "sigan sendo tan elevadas". Imma Badía, experta en xestión do estrés e secretaria de Acción Sindical e Saúde Laboral do sindicato USO, ofreceu unha radiografía do acoso escolar a persoas con discapacidade.

Así, asegurou que "a vítima de acoso tarda unha media dun ano en contalo, e perto de 33% do alumnado con discapacidade sentiuse illado, rexeitado ou excluído", precisou. As e os estudantes con discapacidade física son os que máis burlas sofren (26,9%), seguidos da discapacidade intelectual ou do desenvolvemento (26,1%), a visual (17,5), a enfermidade mental (15,4%) e a discapacidade auditiva (14,7%).

Badía aludiu a un contorna socio-económica "precaria", un "baixo nivel cultural" e unha "baixa calidade do ensino" como os principais factores de caldo de cultivo para que exista o acoso escolar, e expuxo que "hai unha relación directa entre o acoso escolar e a violencia filioparental". Segundo apuntou, dous terzos dos menores que exercen violencia contra os seus pais foron vítimas de acoso entre os seus iguais nos centros educativos, sen que intervise ninguén ao seu redor.

Tamén interveu na xornada o decano do Colexio Oficial da Psicoloxía de Madrid e experto en acoso escolar, José Antonio Luengo, que apostou polo desenvolvemento de protocolos de prevención do acoso escolar que involucren toda a comunidade educativa. "Pódense crear grupos de análise entre pais, profesores e alumnos, nos que compartan o que viven cada día", defendeu.

Posteriormente, o neuropsicólogo e presidente da Asociación Nacional de Centros de Educación Especial (ACEE), Carlos Valiente, afirmou que "o maridaxe educación especial e bullying non adoita darse" na educación especial e que este feito ten a súa explicación "na adaptación ao contexto propio". Segundo explicou, nos centros especializados trabállase "con equipos interdisciplinares cunha perspectiva holística", o cal permite ter "unha visión global de cada persoa".

Pola súa parte, a presidenta de Stophaters e avogada experta en ciberacoso, Sara García Antúnez, afirmou que "o bullying aumentou porque hai redes sociais" e que "os menores tamén son responsábeis penalmente cando cometen delitos cara a outros nenos, aínda que a responsabilidade civil é para os pais". "Unha das cousas que se teñen que facer é ensinar nas casas que outras persoas sofren polos nosos actos", sinalou.

Teresa, vítima: "Aprendín que o que vivira non era o normal"

A continuación, Teresa Valencia narrou en primeira persoa a súa experiencia como vítima de acoso no colexio. "Manipulábanme, insultábanme, non se querían achegar a min; dicían que cheiraba mal, que era anana, e obrigábanme a facer cousas que eu non quería facer", relatou a moza, que destacou que sufriu "bastante" e que o estivo calando até que llo contou aos seus pais porque "chegaba mal" á súa casa, "esnaquizada".

A moza entrou finalmente nun centro de educación especial: "Aquel colexio ensinoume que o que eu vivira non era o normal, que aquilo non estaba ben". Actualmente, Valencia está a traballar e recoñécese feliz. "Quero que a xente vexa que hai un cambio: que se pode deixar de sufrir; se o calan, van sufrir. Aínda que haxa xente á que lle custe un pouco máis, non a rexeitedes, non a deixedes de lado, porque se pasa mal", dixo, en referencia aos acosadores.