O alumnado paraliza a Escola de Arte Dramática de Vigo para denunciar o "acoso sexual" dun profesor

O alumnado colgou varias pancartas no vestíbulo do centro.
Unha semana leva o alumnado da Escola de Arte Dramática de Galiza (ESADg) –con sede en Vigo– en folga, ante a reincorporación dun profesor ao que varias alumnas sinalan como responsábel de varios episodios de acoso sexual.

O caso está en mans da Inspección Educativa, segundo confirma o centro, que indica que xa transmitiu a este órgano "todas as queixas", así como os informes requiridos polas inspectoras que nos últimos días estiveron no centro para entrevistarse con estudantes e co propio equipo directivo.

O colectivo estudantil advirte das "diferentes formas de abuso de poder e acoso dalguns docentes durante anos, que provocaron situacións de carácter incómodo e desagradábel nas aulas, colocando as alumnas en situación de vulnerabilidade". Son as causas que aduce nun comunicado emitido onte, para xustificar a "protesta pacífica" en marcha desde a pasada segunda feira, con sentadas no vestíbulo do centro, comisións para investigar outros posíbeis episodios de abusos e accións máis lúdicas. Na súa nota, alumando avisa de que ten previsto parar a actividade lectiva "até que se investigue e solucione o problema" e culpan a dirección e a Inspección de non ter atopado unha solución.

Fontes do centro constatan as queixas reiteradas de varias estudantes contra o comportamento "indebido" deste docente, que hai menos de dous anos motivou –apuntan– unha campaña de denuncia a través das redes sociais. Aquel episodio forzou a convocatoria dun claustro no que se adoptou, entre outras medidas, a impartición de charlas sobre acoso sexual á comunidade escolar. 

Segundo estas fontes, o feito que desencadeou as últimas protestas foi a reincorporación do profesor após unha longa baixa, pola negativa das alumnas a acudir ás súas clases.

Esta mesma mañá, a asemblea de profesoras da ESADg ten previsto lanzar un manifesto de apoio ao alumnado "contra o acoso sexual no centro" e en defensa do ensino e dos espazos "libres de violencias", co que se sumarán de forma "indefinida" ás mobilizacións.