O alumnado de Medicina mobilízase para exixir unha formación práctica íntegra e de calidade

Protesta do alumnado de Medicina diante do edificio docente Novoa Santos Foto: Arxina).
Coincidindo co inicio do curso universitario, alumnado da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela convoca unha xornada de folga para reclamar "unha formación digna e de calidade".

O chamamento anima as estudantes a non acudir ás aulas presenciais na propia facultade, a non conectarse ás aulas virtuais das sesións expositivas e a non asistir ás prácticas clínicas sinaladas para este 6 de setembro, que principiaron cunha concentración ás portas do edificio docente Roberto Novoa Santos, ao carón do Hospital Clínico Universitario.

Alumnos e alumnas de distintos cursos mobilizáronse con máscara e distancia de seguridade para reclamar unhas prácticas íntegras e maior presencialidade. Unha reivindicación que fixeron extensiva ás redes sociais.

Formación clínica de calidade

A Asemblea Aberta de Medicina retoma o espírito das mobilizacións de hai dous anos para protestar pola redución das prácticas clínicas en máis dun 50% sen alternativa ningunha. Esta rebaixa aféctalles por terceiro ano consecutivo ás estudantes de 3º, 4º e 5º, unha decisión que limita a súa formación presencial en centros sanitarios e diminúe as horas de práctica clínica a menos da metade.

"Queremos chegar a ser boas e bos médicos", conclúen. Un obxectivo que vén máis complicado sen unhas prácticas completas, especialmente agora que o contexto epidemiolóxico mudou grazas a unha campaña de vacinación masiva que mantén 78% da poboación galega coa dobre pauta contra o coronavirus.

Así desde a Asemblea Aberta de Medicina sinalan directamente o Sergas e os membros do comité experto que asesora a Xunta da Galiza sobre a Covid. "O órganismo responsábel de que non teñamos 100% das prácticas clínicas é o Comité Clínico. O mesmo que decide que se abran os pubs, as restricións de hostalería ou os confinamentos perimetrais", apostilan.

Doutra banda, din, a recuperación das aulas presenciais depende do Reitorado da USC, polo que tanto as súas queixas como as solicitudes de diálogo para mudar as condicións do curso que comeza van dirixidas a estes dous órganos. 

Negociacións

O alumnado conta iniciar as primeiras reunións esta mesma segunda feira e en función dos resultados mais do que determine a asemblea, convocar ou non unha folga indefinida.

Cun triplo obxectivo: lograr 100% das rotacións na práctica clínica, a recuperación das prácticas de verán para o presente curso 2021/2022 e a reconsideración da asistencia voluntaria a clase -sen listas- con independencia do grupo e a condición de que se respecte a capacidade máxima da aula.