Alumnado de Medicina en pé de folga

Escaleiras da facultade de Medicina da USC [Imaxe: Asemblea Aberta de Meidcina]
A organización estudiantil Asemblea Aberta de Medicina convoca unha folga e unha manifestación o 5 de novembro. Denuncian a abusiva carga horaria, a mala xestión administrativa ou as faltas de respecto do profesorado cara ao alumnado e colectivos como as mulleres ou o LGTBiQ.

A Asemblea Aberta de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (USC), organización estudantil de recente creación, vén de convocar unha folga e unha manifestación a vindeira terza feira, 5 de novembro.  Entre as razóns alegadas a organización destaca a abusiva carga horaria do grao, a mala xestión administrativa, as actitudes despectivas e faltas de respecto do profesorado ou a falta de información e situación de desvantaxe na obtención de bolsas ou prazas MIR fronte a alumnado doutras facultades de Medicina.

A manifestación comezará no interior da facultade ás 14.00 horas, previa sentada ás 11.30 horas nas escaleiras principais do edificio. Con elas a Asemblea quere “pór de manifesto a multitude de problemas cos que se atopa o alumnado da facultade durante os seus seis anos de formación”.

A postura e decisión da Asemblea Aberta apóiase nunha enquisa anónima da que participaron 769 estudantes da facultade de Medicina da USC. Dos resultados, destacan que 68% das enquisadas refiren ter sufrido “polo menos un ataque de ansiedade desencadeado polos estudos”, 49,5% do alumnado “valorou o abandono da carreira por esgotamento” e que 75,2% auséntase das aulas pola sensación de “pouco aproveitamento da docencia”.

“Os estudantes de Medicina da USC teñen unha media de 40 horas de aulas semanais, atopándose con incompatibilidade para asistir ás leccións das materias, incoherencia entre o número de horas lectivas e o volume de créditos ou a necesidade de horas adicionais para poder rematar os temarios. Isto fai que lles sexa imposíbel compatibilizar as horas de clase coa realización doutras actividades tanto formativas, como deportivas, familiares ou de tipo social”, afirma a organización.

Discriminación a colectivos e ao galego

Alén das eivas administrativas  e docentes do grao o alumnado de Asemblea Aberta de Medicina denuncia unha serie de carencias transversais no grao. Entre elas, sinalan as actitudes irrespectuosas do profesorado de cara ao alumnado ou colectivos de mulleres, LGTBiQ ou actitudes racistas. Tamén dos titores clínicos, aos que acusan de tratos vexatorios.  Así mesmo destacan a falta de protocolos ou vías oficiais de regulación destas situacións. Tamén denuncian a imposibilidade de realizar os exames en galego en moitas das materias.