O alumnado dos IES composteláns non poderá volver ás aulas o 16 de setembro

IES Rosalía de Castro de Compostela (Nós Diario)
Os institutos composteláns Antón Fraguas, Eduardo Pondal, Lamas de Abade, Pontepedriña, do Sar, Xelmírez I e Xelmírez II vense na obriga de adiar o inicio do curso escolar debido á falta de resposta da Consellaría de Educación aos problemas que sofren para cumprir o protocolo de volta ás aulas.

Os directores e directoras dos Institutos de Ensino Secundario (IES) Antón Fraguas, Eduardo Pondal, Lamas de Abade, Pontepedriña, do Sar, Xelmírez I e Xelmírez II dirixíronse onte por carta ao inspector xefe de Educación da Coruña para lle manifestar que "é imposíbel organizar os horarios do profesorado, asignar os espazos ao alumnado e, en consecuencia, abrir os centros o día 16 de setembro".

E é que os equipos directivos non tiveron coñecemento do "cupo de profesores e profesoras para o curso 2020-2021 nin da aceptación de modificación de horarios e/ou quendas nalgúns centros". "A día 9 todo son incertezas", sinalan na carta á que tivo acceso na tarde de hoxe Nós Diario.

"Non só non temos coñecemento das vacantes que nos corresponden. Non sabemos se as nosas propostas van ser aceptadas, tanto no relativo á modificación de horarios ou quendas como de número de docentes", agregan, "se tivésemos a información o 10 de setembro [por hoxe], as reunións do Claustro non poderían realizarse antes do día 11 pola mañá, deixando para a organización dun curso tan complexo e esixente catro días e medio, traballando sábado e domingo".Ante esta situación, comunican a decisión de "adiar o inicio do curso para garantir a toda a comunidade educativa" unha correcta volta ás aulas.

Necesitan, din, un mínimo de sete días lectivos para poder organizar os centros. "Se as vacantes e modificacións de horarios son publicadas e autorizadas o día 11, o comezo do curso non podería ser antes dos días 23, 24 e 25 de setembro. Cada día de atraso implicaría adiar un día o inicio do curso".

O protocolo da Consellaría de Educación para a volta ás aulas provocou un gran malestar no profesorado, que reclama máis medios e recursos para o inicio do curso escolar. Comeza mañá no caso de Infantil, Primaria e Educación Especial e o día 16 no caso de Secundaria, Bacharelato e FP. Esta situación está a provocar mobilizacións entre a comunidade educativa.

Precisamente, os sindicatos CIG, CCOO, CSIF e STEG convocaron para o primeiro día de inicio do curso dúas xornadas de folga -o 10 e o 16- coas que reclaman unha volta ás aulas segura. As ANPA e organizacións estudantís apoian o paro.