Alumnado galego realiza prácticas de FP da man de Altri en Portugal

Planta de celulosa de Altri en Figueira da Foz (distrito de Coimbra), en Portugal. (Foto: Altri).
O convenio non figuraba na web de Educación até esta quinta feira.

Unha comitiva de arredor de 20 persoas entre profesorado dos CIFP Politécnico de Santiago e As Mercedes de Lugo e das Facultades de Enxeñaría Química de Santiago e da Facultade de Ciencias-Campus Terra da USC, xunto con xornalistas, acudiron convidadas pola multinacional Altri ás súas instalacións en Portugal e para fechar acordos para a realización de prácticas do alumnado destes centros o vindeiro curso. 

Segundo puido saber Nós Diario, esta visita levaba xa un tempo programada e, aínda que a empresa xa amosou publicamente, con anterioridade, a súa intención de fechar contactos cos centros educativos, desenvolveuse con certo "secretismo' e con profesorado dos propios centros participantes descoñecendo esta actividade. 

Tal e como confirmaron fontes da comunidade educativa a este diario, actualmente hai dúas estudantes do Politécnico e unha das Mercedes realizando prácticas no marco de dous convenios de FP dual en Portugal cuxo contido non se podía consultar na páxina web da Consellaría de Educación na que están publicados todos os convenios desta modalidade formativa.

A requirimento de Nós Diario sobre esa ausencia, fontes da Consellaría de Educación responderon que un problema de configuración na web facía que malia pór Altri no buscador, non aparecesen os convenios con esta empresa, mais que estes estaban dispoñíbeis na páxina e podíanse atopar na listaxe de convenios asinados polo Politécnico e As Mercedes. Porén, as tentativas de Nós Diario de acceder a estes convenios, mesmo mediante a consulta da listaxe de convenios asinados polos centros, foron infrutuosas, pois estes documentos non figuraban na web até esta quinta feira —após a consulta realizada á Consellaría de Educación—.

Convenio publicitados

Este proceder contrasta coa publicidade dada en xullo do ano pasado á sinatura dun destes convenios por parte da Xunta da Galiza con Bioga, o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida. Un acto no que estiveron presentes tanto o propio conselleiro de Educación, Román Rodríguez, como a directora xeral de FP, a vicedirectora de Bioga e a directora xeral de Recursos Humanos de Altri España. A información, de feito, permanece colgada na web de Bioga e foi recollida en diversos medios. 

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, declaraba entón que a sinatura do convenio era "unha grande oportunidade para o alumnado e tamén para as empresas e para os sectores produtivos porque se ían poder dotar de profesionais cunha gran cualificación como os que achega a FP dual". Por aquel entón aínda non se coñecía con detalle o proxecto que Altri pretendía desenvolver na Ulloa. 

Explicacións

A CIG-Ensino, en resposta a Nós Diario, pon de manifesto que estamos ante "unha falta de transparencia da Dirección Xeral de FP" á que insta a aclarar “en que situación se atopa o alumnado que está nas instalacións da pasteira portuguesa". 

"Normalmente as visitas a empresas no estranxeiro parten dos centros e realízanse empregando fondos dos mesmos. De feito, para a FP dual hai unhas axudas anuais para realizar proxectos de mobilidade que poidan ter interese para un determinado ámbito ou sector. Neste caso, dá a sensación de non se fixo así, senón que todos os gastos correron por conta da empresa", sinala o sindicato.