Alumnado de Enfermaría acusa o Sergas de usalo como "man de obra barata"

Cribados de Covid-19 (Europa Press)
A Asemblea Aberta da Facultade de Enfermaría da Universidade de Compostela  denuncio a "falta de medios" do Sergas, que leva a delegar en alumnado de cuarto grao a realización de cribados de Covid-19. A denuncia chega na mesma xornada na que o CHUS suspende permisos na enfermaría por falta de persoal para as substitucións.

Este voluntariado, encargado das probas entre alumnos e alumnas das facultades, fixo esta quinta feira, 29 de outubro, un paro duns minutos no cribado Covid que se realiza no polideportivo do Monte da Condesa para protestar pola situación, que é para o colectivo unha mostra da "precariedade" laboral que afrontan as futuras profesionais da enfermaría mesmo antes de rematar a carreira, usado polo Sergas como "man de obra barata". 

Para a Asemblea, estase a realizar "de maneira altruísta" un traballo que "deberían estar facendo enfermeiros titulados que están nas súas casas esperando a ser chamados dispostos a traballar, como o estiveron durante toda a pandemia, que aínda non rematou pero aos que o Sergas recompensa con traballos precarios e contratacións eventuais de días, horas e semanas, dun día para outro".

A Asemblea pon o foco, ademais, na "falta de colaboración do Sergas" na subministración do material necesario para estes labores. "Tivo que ser a Universidade quen puxo a disposición do estudantado voluntario as máscaras FFP2, mandís, luvas e xel desinfectante", sinala, e afirma que a primeira idea do Sergas foi realizar as probas "só con máscaras cirúrxicas".

As críticas chegan no mesmo día no que o Complexo Hospitalario Universitario de Compostela (CHUS) informaba da necesidade de suspender temporalmente os permisos de persoal de enfermaría –incluído auxiliares– para "garantir a asistencia sanitaria a pacientes".

Tras unha denuncia do sindicato FeSP-UXT, o centro hospitalario recoñece a "imposibilidade" de atopar persoal de substitución "tanto nas listas de contratación propias como no INEM".

"Todos os profesionais que habitualmente configuran estas listas están contratados para postos habilitados a maiores por parte da Xerencia", indican estas fontes, que aseguran que, no momento en que sexa posíbel cubrir as ausencias con persoal das listas de contratación, retomaranse os permisos. 

Pola súa banda, FeSP-UXT rexeita a denegación de permisos e considera que a medida é "incomprensíbel" cando "aínda hai listas que non están esgotadas". Segundo advirte, nun contexto marcado pola pandemia "non se pode esquecer o esforzo realizado polo persoal Chus e o resto da sanidade galega".