Alumnado do IES do Barral de Ponteareas visitou a redacción de 'Nós Diario'

Alumnado do IES do Barral, de Ponteareas esta cuarta feira na redacción de 'Nós Diario' (Foto: Nós Diario).
O estudantado, dividido en dous grupos para facilitar as explicacións, coñeceu como se desenvolve a versión dixital de 'Nós Diario'.

A redacción de Nós Diario recibiu esta cuarta feira o alumnado de primeiro e segundo de Bacharelato do IES do Barral, de Ponteareas. Estudantes da materia de economía puideron descubrir de primeira man a rutina diaria deste xornal grazas ás explicacións da directora, María Obelleiro, e ás mostras do traballo que realiza o cadro de redacción.

A visita 

O alumnado, dividido en dous grupos para facilitar as explicacións, coñeceu como se desenvolve a versión dixital de Nós Diario e aprendeu a utilizar o programa de maquetación das páxinas da prensa escrita elaborando, elas mesmas, unha proba de portada cunha foto do grupo.

Ademais, os dous redactores encargados das presentacións, explicáronlles ás estudantes os procedementos habituais relacionados coa selección de noticias de interese, co traballo coas notas de prensa das axencias, e coa busca de fontes de información. 

Interese

O alumnado mostrou un grande interese no traballo xornalístico. De feito, varias rapazas están decididas en estudar a carreira de xornalismo unha vez rematen a Educación Secundaria.