Alumando e docentes da FP de adultos reivindican o ensino público e presencial

Alumnado e docentes do IES de Chapela concentráronse ás portas do centro contra os cambios impostos pola Xunta en FP. (Foto: Nós Diario).
Comunidades educativas e sindicatos rexeitan o incremento das aulas a distancia que impón Educación de forma unilateral no canto da ensinanza presencial.

A reordenación da oferta formativa de FP por parte da Consellaría de Educación a poucos días de se iniciar o proceso de admisión para o próximo curso mobilizou onte as comunidades educativas afectadas polos cambios que introduce a Xunta, "sen publicidade, sen xustificación, de forma unilateral, sen consulta nin negociación previa cos centros", afirma a Nós Diario Fátima Ferreiro, xefa de estudos do IES Chapela, un dos principais prexudicados na contorna de Vigo.

O centro ficará sen os ciclos superiores de Dietética e Educación Infantil no réxime modular, dirixido a persoas adultas en horario de tarde e modalidade presencial. A Consellaría obriga a impartilos a distancia, unha mudanza que impón noutros ciclos: Servizos socioculturais á comunidade, Mediación comunicativa, Integración social, Igualdade de xénero.

"Onde se está a dar este golpe tan importante co cambio de modular a distancia é en sectores altamente feminizados, tanto nas aulas como nos lugares de traballo", sinala Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino.

No CIFP Anxel Casal da Coruña, 87% das matrículas en Servizos á comunidade corresponden a mulleres, destaca Bermello, e os dous únicos centros que até o momento impartían Igualdade de xénero en réxime presencial, o CIFP Leixa de Ferrol e o CIFP A Xunqueira de Pontevedra "pasan a distancia", polo que vai ser imposíbel formarse nunha aula con acceso ao profesorado.

O docente da Xunqueira Brais Rodríguez, observa detrás destas decisión unha "motivación ideolóxica" que afonda na idea "da falta de saídas profesionais dunha titulación de recente creación que non queren deixar asentar no mercado laboral".

Exclusión

A supresión da modalidade presencial nos ciclos formativos do réxime de persoas adultas recibiu unha contestación unánime por porte das comunidades educativas. "Esta decisión desbarátanos a vida", afirma Marco (nome ficticio), alumno de Administración de sistemas informáticos en rede no IES San Clemente de Santiago. "Cambiar agora á modalidade ordinaria de mañá no mesmo instituto ou noutro en Santiago, A Coruña, Negreira, Lalín ou Vilagarcía non é unha opción para todo o mundo. Pero tampouco o ensino a distancia, que require un equipo e unha conexión de calidade non sempre ao alcance".

O departamento de informática do San Clemente avanza a perda de 50% do alumnado matriculado en réxime presencial, cando "se cobre 100% das prazas e quedan persoas en espera". A modalidade a distancia non pode substituír nunca presencial, remarca, xa que van dirixidas a alumnados con diferentes necesidades.

"Esta decisión supón incrementar as desigualdades no dereito ao ensino de calidade, diminuír o nivel de competencias do alumnado e eliminar toda posibilidade de traballo cooperativo dentro da aula, ademais de aumentar o índice de abandono escolar", precisa o profesorado do IES Luís Seoane de Pontevedra.

Desde Chapela reivindican a súa traxectoria. "Somos un centro de referencia, con ciclos moi implantados. Temos contacto con empresas, proxectos en marcha, unha metodoloxía, temos profesorado definitivo moi implicado na formación do seu alumnado. Como traballas determinadas competencias a distancia, a parte de laboratorio de Dietética ou de expresión, xogo e autonomía en Educación Infantil? Sacarán peito porque multiplican as prazas, pero a calidade cae ao infinito", sentencia Fátima Ferreiro.

Aumentan 12% as prazas en FP, até un 74% a distancia

A Formación Profesional da Galiza contará o vindeiro curso con 42.174 prazas de novo ingreso, un 12% máis. Do total, 34.704 serán presenciais e outras 7.470, a distancia. Haberá 1.482 grupos presenciais e 151 a distancia.

A oferta vén marcada polo aumento dun 74% das prazas de formación a distancia, resultado dunha decisión "arbitraria e unilateral" denunciaron onte centros da Coruña, Santiago, Ferrol, Pontevedra e Vigo contrarios ao baleirado de aulas que promove a Consellaría de Educación.

 "Redúcese a oferta presencial na pública ao tempo que se deriva á privada e se maquillan as cifras", censura Suso Bermello. "Un módulo a distancia pode ter 50 prazas por 30 dun presencial. Pero son reais? Hai módulos con 50 prazas e 44 matrículas, das que 20 non se conectaron nin o primeiro día. Das restantes en formación, o aprobado non alcanza 40%", explica o voceiro da CIG-Ensino.