Os altos cargos da Xunta acusados de ‘mobbing’ inmobiliario terán que declarar como investigados

O Xulgado de Instrución Número 2 de Ourense citou en calidade de investigados (antes, imputados) a secretaria xeral técnica e de Patrimonio da Consellería de Facenda e ao subdirector de Patrimonio da mesma Consellería, contra os que a Fiscalía presentou unha querela por un presunto delito de coaccións inmobiliarias nun edificio de Ourense de titularidade autonómica. Ambos os dous cargos da Consellería de Facenda deberán comparecer o próximo 19 de novembro. Tamén deberán comparecer, mais en calidade de testemuñas, os dous inquilinos do edificio de Ourense.

 

Suprimiron o mantemento e limpeza das zonas comúns no edificio,  deixaron sen substituír o alumeado danado e mesmo chegaron a cortar o ascensor. Todo isto é o que a Fiscalía atribúe a dous altos cargos da Xunta para lograr que inquilinos marchasen dun edificio da administración galega en Ourense e onde habitaban pagando rendas baixas. “Medidas de presión non lexítimas” é o que o fiscal xefe de Ourense atribúe a  Socorro Martín y Jacobo Moure, secretaria técnica e subdirector xeral de Patrimonio da Consellería de Facenda respectivamente.

 

No edificio da Avenida da Habana ficaban dous inquilinos, un deles, Lucía Vázquez, de avanzada idade (94 anos), que agora vive nun hostal. A Fiscalía considera que eses dous altos cargos incorreron en ‘mobbing’ ou acoso inmobiliario para despexar esas persoas do edificio.

 

A Xunta intentara botar os inquilinos deste edifico en anteriores ocasións: en 2013 a través dun desaloxo voluntario e en 2014 mediante un desafiuzamento. Ningunha das dúas tivo éxito.