Sanxenxo e Sobrado dos Monxes acollerán 400 migrantes chegados das Canarias

Migrantes chegados a El Hierro, en Canarias, o pasado 23 de outubro. (Foto: Europa Press)
Alfonso Rueda recrimina ao Goberno estatal a información "insuficiente" que recibiu até o momento sobre a chegada de migrantes.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, recriminou esta quinta feira ao Goberno estatal a situación de información "insuficiente" sobre a chegada de migrantes a Galiza procedentes das Canarias e reclamou coñecer máis detalles, especialmente, sobre as súas idades e posíbeis patoloxías, xa que a asistencia sanitaria recae na comunidade e, como mínimo, entende que terá que ser atendida.

Rueda lembrou que o galego é un "pobo acolledor" e expresou a necesidade de "humanidade" ante unha situación desta envergadura e puxo o exemplo da chegada de exiliadas e exiliados pola guerra en Ucraína como situación na que si houbo unha organización correcta.

400 persoas

Sanxenxo, na comarca do Salnés, acollerá 350 persoas e Sobrado dos Monxes, en Terras de Melide, arredor de 40. O Concello de Sanxenxo criticou o "escurantismo" do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Inmigración sobre o traslado.

Pola súa parte, o delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, sinalou que os migrantes que chegarán a Galiza serán homes, sen necesidade de escolarización, previamente atendidos no ámbito sanitario e social e que a súa estancia de acollida será máximo un mes.