Allariz volveu encher a praza do concello 25 anos despois da revolta

[Imaxes Ana Barxa]

A veciñanza alaricana conmemorou o vinte e cinco aniversario da revolta popular cunha romaría coa que homenaxear "a todo o pobo mais, sobre todo, aos que non están", sinalou o alcalde. VÍDEO NO INTERIOR.

 

Centos de veciñas e veciños de Allariz festexaron os 25 anos da revolta popular que transformou o concello esta segunda feira. Fixérono cunha merenda-cea colectiva na praza da vila na que tomaron a palabra algúns dos protagonistas daquela loita social, como Anxo Quintana ou o rexedor alaricano, Francisco García; mais tamén crianzas nadas en 1989 que aseguraron sentírense "orgullosas de seren alaricanas" xunto con nais e pais das que naceron neste 2014.

Aquela experiencia, asegurou Quintana na súa intervención, "foi un acto de rebeldía e dignidade do que sentirse orgullosos". Neste senso, salientou, "precisamos unidade e humildade para que nunca nos falte ilusión". En nome da equipa de goberno, Francisco García, afirmou que o acto tiña por obxecto facer unha "homenaxe ao pobo en xeral" mais "en especial aos que xa no están". 

"Un exemplo do que debe ser a política"

Neste senso, unha praca conmemorativa situada na fachada da Casa consistorial lembrará a partir de hoxe a loita veciñal que "cambiou o curso do seu destino", di, de Allariz grazas á súa veciñanza. Aqueles acontecementos do verán de 1989 son, sinalou Moncho Bouzas, outra das persoas que tomaron parte da revolta, "un exemplo do que debe ser a política, mais agora que está tan desprestixiada. De como os cidadáns teñen que involucrarse nos asuntos do seu pobo".

Dos actos de conmemoración do 11 de agosto fixeron parte moit@s veciñ@s, especialmente, a xente moza que desenvolveu un lipdub polas rúas de Allariz. 
"É un video-carallada onde, coa música de Skárnio, percorremos o tramo dende o río ata a praza do Concello", relataba Lois Fernández Sousa, director do audiovisual. A iniciativa "foi unha maneira de implicar á xente nova nos actos e divulgar aqueles feitos históricos", resumíu o mozo alaricano.