Paisaxistas dunha decena de países dan forma ao erotismo nos xardíns de Allariz

Este sábado inaugúrase a IX edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz (FIXA), unha cita que durante estes anos se converteu en todo un luxo para os sentidos, estimulados por paisaxistas procedentes de diferentes países, e que neste ano homenaxean o erotismo dos xardíns

Non hai moitas oportunidades na Península Ibérica de gozar dunha experiencia como a que se pode disfrutar en Allariz a partir deste sábado, 12 de maio, e até o vindeiro 31 de outubro. Unha experiencia  á beira dun lugar tan privilexiado como o río Arnoia no que as persoas visitantes poden ser testemuñas, e por que non, tamén partícipes; dun proxecto que aúna innovación, deseño, imaxinación e medio ambiente.

 

É o Festival Internacional de Xardíns de Allariz (FIXA), que este ano chega á súa IX edición, centrada no “Erotismo nos xardíns”. Case 40.000 metros cadrados de auga, sons, cores e vexetación que diferentes paisaxistas, arquitectos, deseñadores... modulan en creacións tan suxestivas como efémeras.

 

Este ano houbo 10 xardíns seleccionados de entre as máis de 40 propostas procedentes de todo o mundo. Dezcreacións ás que se engade o xardín gañador de 2017, a obra do italiano Antonio del Buono (‘A lembranza esquecida’) e a elaborada polo alumnado do IES de Allariz (‘Xardín da escola’). En total, 12 xardíns, que son 12 propostas diferentes nas que o erotismo fúndese coa descuberta e goce do entorno. O festival conta co patrocionio de diversos axentes, entre eles Sermos Galiza.

 

Case 40.000 metros cadrados de auga, sons, cores e vexetación que diferentes paisaxistas, arquitectos, deseñadores... modulan en creacións tan suxestivas como efémeras

 

Nesta edición 2018 hai participantes de Galiza, de Perú, Italia, Francia ou Brasil. Tamén de Xapón, Portugal, Noruega e Suecia, Granada ou Madrid. Un elenco de privilexio, que fai parte así deses 225 proxectos procedentes de 27 países e que ao longo destes anos tivo o seu sitio no Festival.

 

É un festival pioneiro na Península, xunto co portugués de Ponte de Lima. Cada edición, Allariz recibe por volta de 40.000 visitantes, procedentes de moitos países diferentes e que se achegan até esta vila para, a través das portas que lles abre o festival, disfrutar de moito máis que unha paisaxe creada.

 

As oito creacións dos arquitectos paisaxistas portugueses Francisco Cabral e Elsa Severino que marcaron a primeira edición tenden unha ponte desde aquel 2010 até esta IX edición. Ao longo destes anos, a temática dos xardíns foi tan ampla como variada: Galiza o país da auga, a música no xardín, a moda, a memoria...

 

O alcalde de Allariz, Francisco García, ten explicado que este Festival permite a aquelas persoas que o visitan “romper un pouco o esquema clásico de entender un xardín, como un pouco máis que céspede e plantas. Verán que a xardinería ten moitas máis posibilidades e tamén é unha oportunidade para paisaxistas novos que teñen aquí a posibilidade de poñer en marcha proxectos, ten ademais a posibilidade de educar en certa medida ou plasmar ou poñer en valor diferentes alternativas dende xardinería vertical ata a ornamentación que é despois copiada”.