Festival

Allariz espera uns xardíns de cine!

Detalle dun dos xardíns de Allariz.

Xa se coñece a temática do Festival Internacional de Xardíns de Allariz, que en 2019 celebrará a súa décima edición. Desta vez, o Concello dedicará a arte das flores e das plantas ao cinema. O prazo para presentar as propostas fechará o 30 de novembro.

Uns xardíns de cine. É o que persegue o Concello de Allariz para conmemorar a décima edición do Festival Internacional de Xardíns, que naceu para favorecer a sensibilidade cara a esta arte, así como a importancia da valorización dos espazos verdes na mellora da calidade de vida da cidadanía e que cada ano visitan máis de 40.000 persoas.

 

Trátase dun proxecto que contribúe ao achegamento das flores, plantas e da arte ao espazo urbano e, de xeito simultáneo, á conservación e á posta en valor do medio rural. Aspectos coherentes co recoñecemento da área de Allariz como Reserva da Biosfera da UNESCO.

 

A décima edición do festival permanecerá aberta nas marxes do río Arnoia desde mediados do mes de maio de 2019 ao 30 de outubro. Poderán participar no concurso de xardíns persoas, colectivos, empresas, cooperativas, centros de ensino, universidades… que presenten a súa proposta até o 30 de novembro ás 14 horas no correo electrónico festivaldexardins@allariz.com.

 

O xurado, que terá como prazo máximo para a presentación dos resultados do concurso o 30 de decembro, valorará o respeito e a adaptación á temática do cinema; a orixinalidade, a coherencia e a claridade da proposta; a contribución ao terreo da arte do xardín e á súa concepción e a funcionalidade, garantía de conservación e mantemento do xardín durante o transcurso da edición.

 

Últimos días para coñecer “O erotismo no xardín”

 

Até o 31 de outubro permanecerán abertos os xardíns da novena edición do festival, que xira ao redor do erotismo e que conta cun espazo patrocinado por Sermos Galiza. Nesta edición 2018 hai participantes de Galiza, de Perú, Italia, Francia ou Brasil. Tamén de Xapón, Portugal, Noruega e Suecia, Granada ou Madrid. Un elenco de privilexio, que fai parte así deses 225 proxectos procedentes de 27 países e que ao longo destes anos tivo o seu sitio no Festival.

 

Ao pé do río Arnoia continuarán durante estes últimos dez días propostas imaxinativas que recrean atmosferas vinculadas con Eros. Son espazos para pasear, gozar e soñar. Por algo, o de Allariz, é un festival pioneiro na península, xunto co de Ponte de Lima (Portugal).