Allariz: catro flores de honra para unha das vilas máis fermosas da Galiza

O certame ‘Vilas en Flor’ recoñece a posta en valor da riqueza natural e paisaxística de localidades galegas.

Allariz acada no certame ‘Vilas en Flor’ as catro flores de honra que a distinguen “como unha das vilas máis fermosas da Galiza”. “Vilas en flor” é un programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística. As “Flores de Honra” son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo o criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. Hai cinco niveis: de unha a cinco Flores de Honra.

Este ano participaron 16 concellos de toda Galiza aos que se agarda que se somen moitos máis durante o ano 2020. “Vilas en Flor” é unha iniciativa que comenzou a súa andadura no ano 2018 pola mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos impulsado pola Fundación Juana de Vega, en colaboración coa Asociación de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar).

Trátase dun programa encamiñado á mellora integral do verde nos concellos para potenciar os múltiples beneficios que xera. Preténdese non só un aumento do número de espazos verdes, senón tamén unha mellora integral da súa calidade así como dos modelos de xestión que deben enfocarse cara a un aumento da biodiversidade e do uso racional dos recursos.