Alicia Toxeiro, mestra: "O que fai boa unha escola é o material humano, as mestras, non os seus recursos"

A mestra Alicia Toxeiro con exemplares de libros sobre pedagoxía (Foto: Nós Diario)
A viguesa Alicia Toxeiro comezou en Educación Infantil, onde estivo 16 anos, e desde hai cinco imparte aulas en Primaria. Desde o CEIP Isidro Parga Pondal de Oleiros participou por terceira vez, proposta polas familias, no premio Educa Abanca, a nivel estatal. Quedou primeira, polo que está considerada como a mellor educadora da súa etapa de escolarización. O galardón ten en conta o seu traballo en todo o curso que, desta vez, cadrou coas dificultades engadidas de impartir aulas coa pandemia.

Cal é o segredo para ser unha boa docente?

Eu traballo coa escola dos valores, a escola da humanidade, a escola do corazón. É dicir, sempre tento que as nenas e os nenos se atopen ben e que teñan ganas de vir á escola. Que queiran aprender. Todo iso con esforzo. O primeiro de todo, para min, é non aburrilos, quero que entendan que aprender é moi divertido. Non aprendemos só na escola, tamén no transcurso de toda a nosa vida. É moi importante non perder esa enerxía, esas ganas. Cando as teñen, esfórzanse e chegan á meta que se propoñen. 

Na aula teño unha parede pintada con frases motivadoras como, por exemplo, "Non hai nada sen esforzo" ou "Nunca deixes de soñar". Pode semellar algo só bonito mais se se traballan na aula, dan resultado, como me pasou a min coa consecución deste galardón. O primeiro que pensei foi no agasallo ao meu alumnado após un ano tan duro como este coa presenza da Covid-19. Foi un curso para reinventarse e non renderse.

Pensa que na docencia hai liberdade abondo para traballar con comodidade?

Na escola pública, onde eu traballo, temos liberdade. Sempre pode ser que atopes un equipo directivo que poña algún atranco, no meu caso non é así. Estou moi agradecida porque aceptan as miñas tolarías e enténdenas. Unha vez que o equipo ten esta actitude, o claustro tamén. Non é doado, tamén é certo. Ir contra a corrente, ás veces, custa.

A educación pública conta coas mesmas condicións que a educación privada?

Eu creo que en canto a recursos quizais non. Mais podes estar fechado nunha gaiola de ouro e seguir fechado. O que  fai boa unha escola é o material humano, as mestras, non os seus recursos. Quen fai a escola son as mestras e os mestres. Son as que farán que funcione ou non. Temos ese poder de levar adiante as cativas e os cativos. O poder de traballar en comunidade e formar equipo. Nós non debemos perder nunca o norte.

Temos unha gran responsabilidade. Nas nosas mans está a educación e esta pode cambiar o mundo. É moi importante crear alumnado activo, que teñan iniciativas e que se lles deixe crear. Vímolo no confinamento. Que sería de nós sen o mundo científico que crea? E sen doutoras e doutores? Precisamos xente activa e resolutiva, o que se lle pide ás que traballamos na docencia polo ben de mañá.

A motivación comeza nas propias familias?    

É un traballo conxunto. As familias queren traballar coa escola e a escola debería querer traballar coas familias. A educación é algo de moitas e moitos, mais eses son os principais axentes. Teñen que ir da man. No meu caso, somos un equipo e o éxito é sentir comodidade nas dúas direccións. Tamén é certo que nalgunhas ocasións as familias deben reforzar o traballo da docente mais tamén nós debemos considerar as situacións que teñen as familias

Co confinamento vivimos un momento para parar a pensar que estabamos a facer na educación, se era o bo camiño. A tecnoloxía que diciamos que entraría no futuro, de súpeto fíxose presente. Démonos conta de que había que meter a tecnoloxía mais tamén de que había que preparalas e  preparalos para o cambio, da necesidade do traballo conxunto coas familias. A realidade non é doada e non se pode exixir determinadas cousas.

Tería algún consello para quen decida dedicarse a esta profesión?  

Ás novas docentes diríalles que sempre gocen co que fan. Se non entras pola porta do centro ben, non podes transmitir aos demais.