Alicia Nimo: "Para a alfabetización mediática é importante desmentir os embustes sobre a Covid-19"

Alicia Nimo, responsábel da biblioteca do centro, desde onde se coordina o proxecto (Foto: Nós Diario).
Durante este curso no CEIP Plurilingüe de Outes desenvolveron un proxecto coordinado pola Biblioteca do centro de investigación titulado "Mens sana in corpore sano". A idea quere contribuír ao entendemento das nenas e nenos desta situación pandémica. 'Nós Diario' foi un dos medios de comunicación escollidos polo alumnado para estar na presentación. Falamos con Alicia Nimo, responsábel da iniciativa.

-Con que idea naceu este proxecto?

Forma parte dunha liña de traballo que se fai desde hai anos na biblioteca do centro e implica a documentación integral da escola, que inclúe e dá cohesión a varios proxectos de aula. Conforma unha liña común de traballo. Cada curso eliximos os argumentos e neste caso escollemos o de "Mens sana in corpore sano" para que comprenderan a situación que estamos a vivir. Foi un corte abrupto da actividade cotiá académica, quedaron nas súas casas sen entender moi ben o que ocorría a nivel mundial, nin os adultos entendiamos! 

-Como se desenvolveu?

Procuramos que traballaran desde a súa propia motivación para implementar hábitos saudábeis. Outra parte interesante foi o estudo histórico desta pandemia en relación á de 1918. Descubrimos que había moitos paralelismos e vimos como certas informacións relacionadas con esa pandemia se empregaron na actual de maneira terxiversada para manipular a poboación. Trataron a saúde física, a mental, as pantallas, os hábitos saudábeis de alimentación, un estudo da actual situación sanitaria da pandemia da Covid-19 e o enfoque histórico en relación coa pandemia da gripe española de 1918. 

A maiores, ao longo do curso propuxéronse diferentes tarefas para elaborar produtos comunitarios. Entre os máis destacados está a vulneración ao dereito á saúde. Como consecuencia disto comezamos unha colaboración con Médicos do mundo. Fixeron, tamén, unha instalación artística con produtos diversos de análise sobre o papel da muller na historia, desde recuperar aquelas que traballaron en diferentes eidos até falar do fito que supuxo a confluencia da gripe española coa Primeira Guerra Mundial no acceso da muller ao mundo laboral, como consecuencia de que os homes estaban na fronte que foi un foco importante de contaxios. Outro estudo foi o papel da muller nos videoxogos.

-Cales eran esas informacións manipuladas?

Eran embustes relacionados coa saúde. É moi importante que se desmintan e máis desde o punto de vista da alfabetización mediática. Estudas as características dos medios de comunicación e como ás veces, dependendo de determinados intereses, se emprega a información. Na gripe española vimos como foi o interese empresarial, mesmo con anuncios de bebidas alcohólicas dicindo que eran boas para curala. Coa Covid-19, un das embustes dos antivacinas era que na gripe española moita xente vacinada morrera igualmente, cando a pandemia rematou por inmunidade de grupo e a vacina descubriuse en 1940.    

-De que maneira se notou a Covid-19 nas nenas e nos nenos do colexio?  

O alumnado viuse afectado polas limitacións. Aínda que é certo que nos abriu as portas á investigación de novas posibilidades, algunhas chegan para quedar e outras agardamos que marchen. No primeiro caso teriamos a dixitalización da comunicación, sexa coa Xunta como coas familias, facilitando a eliminación do emprego de tanto papel. Tamén as entradas graduais que fan que o alumnado chegue máis relaxado ás aulas. 

Ademais, é moi interesante traballar coa aula virtual, complementaria da presencial. Mais sempre tendo en conta que estamos na etapa da presencialidade. O feito que non se poidan mesturar as idades, os grupos burbulla, bótase moito en falta, sobre todo en infantil. 

Din que coa Covid-19 non se pode facer nada e nós fixemos moitísimo. Hai que adaptarse. É certo que hai nenas e nenos que co tema da limpeza teñen algo de ansiedade mais son auténticas estrelas.