Alianza Social Galega pedirá aos grupos parlamentares un rexeitamento frontal da Lei de Seguridade Cidadá

Acto de presentación da Alianza Social Galega

Unha delegación de Asoga reunirase a segunda feira na Cámara galega cos grupos da oposición para pedir compromiso contra unha lei “brutal e anti-democrática”.

 

Unha delegación da Alianza Social Galega (Asoga) desprazarase a vindeira segunda feira até o Parlamento galego para manter reunións cos grupos da oposición. Unha xuntanza na que presentarán o manifesto e as liñas de resposta social aprobadas polo seu Plenario Nacional. Aliás, solicitarán dos grupos parlamentares da oposición que se impliquen para que se debata no Pazo do Hórreo e noutras institucións sobre a “brutal e antidemocrática” Lei de Seguridade Cidadá.

A Alianza Social Galega lembra que esta lei está en plena tramitación no Congreso dos Deputados, e considera que é unha lexislación que “pretende a implantación dun Estado policial e reprimir con dureza a contestación social". Por iso, considera imprescindíbel que se promovan accións en todos os ámbitos, nomeadamente o institucional, que permitan que esta lei non vaia adiante”.

Neste sentido, Asoga solicitará dos grupos un compromiso para que esta Lei, de saír adiante, sexa derrogada en canto o Partido Popular deixe de ter maioría absoluta. Aliás, demandarán que se promova desde o Parlamento galego unha proposición para instar ao Congreso dos deputados a presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a mesma.