A Alianza por un Rural Galego Vivo urxe a anular o traslado dos maxistrados do TSXG que paralizaron eólicos
A Alianza Rural insta tamén a Presidencia do TSXG a que inaplique a resolución do 12 de marzo pola que se dispón a modificación da composición da maxistratura da sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG.
A Alianza por un Rural Galego Vivo, conformada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), a Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común (Oragaccmm), a Federación Rural Galega (Fruga) e a Confederación Intersindical Galega (CIG), vén de requirir á Presidencia do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) que adopte as medidas para instar o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) a anular o traslado de maxistrados e maxistradas da sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, entre eles Luís Villares, por vulnerar “os dereitos das entidades recorrentes que defenden dereitos colectivos e que teñen litixios en curso en dita Sección”.
Aliás, solicitan que o órgano de goberno do Poder Xudicial vixíe o proceder do TSXG no tocante ao recente cambio de competencias da sección segunda, na que agora están recaendo os procedementos xudiciais relativos ás liñas de evacuación eléctrica, que antes se asignaban á sección terceira.
Alianza Rural alega indefensión dos dereitos colectivos
As entidades que integran a Alianza Rural manifestaron diante do CXPX a súa “profunda preocupación” polos posíbeis “efectos de indefensión que esta sorpresiva e radical modificación da composición da maxistratura da sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo pode exercer sobre os intereses colectivos” que as entidades sociais representan, tendo en conta que a maioría das causas recorridas polas mesmas, nomeadamente impugnacións contra autorizacións de polígonos eólicos, recaeron nesa sección terceira.
A Alianza Rural invocou diante do Consello Xeral do Poder Xudicial o seu dereito ao xuíz ou xuíza predeterminado pola Lei, é dicir, ao dereito de tutela xudicial efectiva. Este dereito exixe que a compentencia e a composición do órgano xudicial estean preestabelecidas claramente antes do inicio dos procedementos, co gallo de garantir a imparcialidade e independencia dos maxistrados e maxistradas e de evitar a creación de tribunais “ad hoc” ou o traslado "arbitrario e irregular" de xuíces e xuízas a outros tribunais.
Aliás, a Alianza advertiu o órgano de goberno do Poder Xudicial de que a resolución do pasado 12 de marzo da presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, Azucena Recio, executouse “sen que esta ofrecese a máis mínima explicación das motivacións ás partes ou entidades con litixios en curso nas seccións afectadas”, e que a única información que obtiveron se restrinxe “ao publicado nos medios de comunicación, algúns dos cales atribúen dita decisión a unha suposta necesidade de salvagardar a aparencia e a realidade da imparcialidade coa que funciona esta Sala”. A “falta de transparencia” da Sala do Contencioso do TSXG consideran que chega “ao extremo de ocultar o contido da resolución do pasado 12 de marzo nas recentes comunicacións nas que se informa ás partes recorrentes do cambio da composición da sección e de ponente en cada un dos procedementos xudiciais afectados”.
As entidades da Alianza tamén recalcaron que algunhas reaccións que transcenderon á opinión pública sobre a decisión da presidenta da Sala, como o comunicado de Xuíces e Xuízas pola Democracia, contribuíron a “xerar maior inquietude e preocupación social sobre a posíbel indefensión dos dereitos colectivos”, ao cualificar os traslados dos maxistrados e maxistradas da Sección Terceira como “forzosos”, o cal, de confirmarse, desde Alianza do Rural sinalaron que “estaría vulnerando a doutrina do Tribunal Europeo en Dereitos Humanos”.
Ao tempo, Adega, Orgaccmm, Fruga e CIG chamaron a atención do CXPX sobre a “improcedencia da modificación da composición da sección terceira no contexto actual no que se produce”, marcado polo debate público sobre o actual modelo eólico, “no que se confrontan os intereses das promotoras e da administración pública, por un lado, cos dos colectivos en defensa do medio ambiente e do interese público, por outro, e que en moitos casos ten derivado no inicio de procedementos xudiciais pendentes de fallo, precisamente, na sección terceira obxecto de cambio”.
O TSXG “vulnera” as súas propias normas de reparto de competencias
Para “maior estupefacción” das entidades recorrentes, “a prensa publicaba o pasado 2 de abril que a sección segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG ditaba un Auto desestimando unha solicitude de paralización cautelar da autorización dunha liña de alta tensión (Campelo-Mesón) promovida pola mercantil Greenalia”. Porén, segundo as normas de reparto de competencias do TSXG aínda vixentes, a competencia sobre os procedementos xudiciais relativos á industria e, polo tanto, liñas eléctricas, corresponde á sección terceira da Sala do Contencioso, e non á Sección Segunda. De feito, até o momento, todos os procedementos xudiciais relativos á impugnación de autorizacións de liñas eléctricas de evacuación foron asignados á sección terceira da Sala do Contencioso do TSXG.
Este novo cambio, xa efectuado aparentemente polo TSXG, “dota a actual situación dunha especial gravidade”, posto que para poder aplicalo debería ter mudado previamente as normas de reparto de competencias conforme á legalidade vixente. “Estoutra alteración das regras de xogo do Poder Xudicial redunda na indefensión das partes litigantes e dos intereses colectivos, así como no deterioro da imaxe pública, da imparcialidade e da independencia do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza”, alertaron desde Alianza Rural.
Alén de dirixirse ao Consello Xeral do Poder Xudicial, as entidades que forman parte da Alianza Rural instaron a Presidencia do TSXG a revogar a resolución do 12 de marzo e a cumprir “escrupulosamente coas súas propias normas de reparto de competencias”.