A Alianza Rural Galega reuniu xa as 10 mil asinaturas precisas para a ILP sobre o monte

Un momento da reunión

O prazo para as conseguir féchase este 25 de xuño, mais a ARG xa as tería reunido. A Alianza Rural Galega -plataforma que agrupa Adega, a Fruga, a CIG e a Asociación Galega de Comunidades de Montes- mantivo esta segunda feira un encontro no Pazo do Hórreo con Ana Pontón e Xosé Luís Rivas 'Mini', portavoz nacional e voceiro parlamentar de Meio Rural do BNG, respectivamente.

Na reunión, o BNG transmitiu o seu apoio ao contido da ILP da ARG, iniciativa que, entre outras medidas, visa o estabelecimento dunha moratoria na plantación de eucaliptos no país. A ILP pretende avanzar cara a un monte galego multifuncional, nas antípodas do monocultivo de especies pirófitas destinadas á industria do papel que, a xuízo da Alianza e do propio BNG, promovería a Xunta de Feijóo.

 

En declaracións aos meios após se reunir con Pontón e Rivas, o portavoz da Asociación Galega de Comunidades de Montes, Xosé Alfredo Pereira, defendeu que as medidas previstas na ILP son "en si mesmas eficaces na loita contra os incendios". Pereira entende que os lumes teñen como orixe o "monocultivo forestal, o abandono do rural e a despoboación", polo que se fai preciso mudar de explotación do monte galego.

 

Alén de frear a eucaliptización, a ILP propón recuperar as unidades de xestión forestal -introducidas durante o bipartito pola Consellaría de Meio Rural dirixida polo nacionalista Alfredo Suárez Canal e posteriormente suprimidas polo Goberno Feijóo-, ben como outorgar una especial protección legal ao monte en man común.

 

Neste último sentido, Pereira denuncia que o Goberno Feijóo ten utilizado a Lei de Acompañamento para "pola porta de atrás" modificar a Lei de Montes Veciñais nunha dirección privatizadora.

 

Por súa parte, Xosé Luís Rivas 'Mini" declarou que a ILP responde "a unha inquedanza da poboación pola preservación e polo aproveitamento do monte galego". Lonxe de "ser unha ameaza polo seu estado de abandono e polo seu nivel de eucaliptización", o monte é unha potencial "fonte de riqueza" e debe ser "unha liberación e un estímulo económico, social e ambiental que sexa parte da solución ao abandono do rural".