A comisaria xefa da Policía Nacional de Pontevedra cesada: "Xa lles gustaría a algunhas [as independentistas catalás] que as violase un antidisturbios"

Responsábeis de varios departamentos da Comisaría de Policía española de Vigo-Redondela, xunto co comisario local Carlos Valcárcel, e a comisaria de Pontevedra, Estíbaliz Palma. (Foto: Europa Press)
Unha vez desveladas as gravacións da comisaria xefe, a Dirección Xeral da Policía española decidiu cesala, segundo avanzou nesta terza feira un portavoz do Ministerio de Interior.

O xornal dixital elDiario.es vén de desvelar unhas palabras da antiga comisaria xefe de Pontevedra, Estíbaliz Palma, durante un acto de homenaxe en Vigo a un policía xubilado, nas que chegou a afirmar que "xa lles gustaría a algunhas que as violase un antidisturbios", en relación ás manifestantes que criticaron a actuación dos corpos e forzas de seguridade do Estado español durante o referendo de independencia de Catalunya do 1 de outubro de 2017.

A súa intervención, na que destacaba a carreira do policía xubilado, quen participou no dispositivo desprazado até Catalunya, rematou coas polémicas declaracións de Palma. "Houbo 48 horas nas que parecía a Policía española transformárase e, de súpeto, violaba, maltrataba e non sei cantas cousas facía máis, xa lles gustaría a algunhas que as violara un antidisturbios".

Os alí presentes reaccionaron con risos e bromas, tal e como pode escoitarse no audio. Algúns dos presentes, ao ver que varios estaban a gravar cos seus teléfonos móbiles, instaron a que deixaran de facelo. De fondo tamén se pode escoitar como outros policías berraban "elles, elles!", facendo escarnio da linguaxe inclusiva.

Unha vez o xornal dixital desvelou as gravacións da comisaria xefe, a Dirección Xeral da Policía española decidiu cesala, segundo avanzou nesta terza feira un portavoz do Ministerio de Interior.

Secretaria da Muller na Policía

A antiga comisaria xefe da Policía en Pontevedra ocupou diversos cargos dentro da Policía española. Un deles, o de secretaria da Muller no Sindicato Profesional da Policía. Como responsábel desta sección, fixo varias intervencións públicas nas que instaba a acadar a igualdade real entre homes e mulleres dentro dos corpos e forzas de seguridade do Estado español.

Antes de ser destinada a Pontevedra, Estíbaliz Palma estivo na comisaría de Pozuelo de Alarcón, en Madrid, unha das cidades nas que o Partido Popular (PP) está máis arraigado. Nese mesmo acto, a ex comisaria xefe referíuse a súa antiga comsiaría como un "ámbito estupendo para dar unha charla".

Ademais, Palma tamén definiu a comisaría de Pozuelo de Alarcón como "praza nacional", e non "praza republicana", en relación aos territorios que foron controlados desde o comezo da sublevación militar de 1936 polo bando franquista.