Xoán Louzao, concelleiro do BNG en Touro

"Se algo tivo de bo a mina de Touro foi crear conciencia cidadá na súa contra"

Xoán Louzao é o portavoz do Bloque en Touro.
Xoán Louzao, concelleiro do BNG en Touro, recibiu con satisfacción o informe ambiental negativo que a Xunta emitiu hai unha semana e que, polo momento, bloquea o proxecto para reabrir a explotación mineira de Touro e o Pino.

–Que factores cre que levaron a Xunta a tomar esta decisión neste momento concreto?
Para nós está claro. A clave está nunha presión social enorme unida ao ano electoral, porque as deficiencias técnicas eran unha evidencia. Aínda así, resulta incríbel que a Xunta lle permitise á empresa entregar documentación unha e outra vez e lle dese novos prazos, cando esta o único que facía era poñer parches ao proxecto. No plano técnico non había dúbida de que a proposta non valía, pero estas decisións teñen un fondo político que neste caso está claro.

–Que papel desempeñou o Concello de Touro na loita contra a mina?
O Goberno local (onde o PP goberna con maioría absoluta) mantivo unha ambigüidade até as eleccións municipais, que despois se demostrou que era calculada,  porque unha vez que pasaron o alcalde quitou a máscara e posicionouse claramente a favor do proxecto.

–E cal foi o do BNG?
Cando, en agosto de 2017, se presentou o proxecto para reabrir a mina, fixemos unha primeira análise e convocamos reunións en Touro e no Pino para informar a xente dos concellos afectados. Xa nese momento fixemos unhas alegacións de urxencia e, a partir de aí, o traballo foi continuo. Levamos até oito mocións ao pleno, a todos os que se celebraron. O BNG de Touro ten ademais condición de interesado no procedemento, o que nos deu dereito a acceder a toda a documentación. Estudamos miles de folios e alegamos cada vez que a empresa entregou novos informes. A situación logrouse reverter e o BNG achegou o seu gran de area, que foron dous anos de traballo moi intenso.

–Como se conxuga o traballo institucional co que fixeron os movementos sociais?
O primeiro, apoiando a plataforma contra a mina tanto como puidemos, pero sen representatividade, porque a plataforma é o que ten que ser, un momevento amplo e que recolla todo o espectro. Mais, como organización con representación institucional, o noso traballo está alí, e no noso caso no Concello. E hai unha cousa importante. O BNG viña falando do problema de contaminación da mina desde moito antes de que se presentase o novo proxecto mineiro. Advertimos que a chegada da mina sería un problemón pero que aínda que non se implantase tiñamos, e temos, outro que solucionar. Isto é algo no que hoxe todo o mundo concorda, porque se algo positivo trouxo a mina foi crear conciencia cidadá, levantar a conciencia desta herdanza que nos deixou, que son 30 anos de contaminación. 

–Que queda por facer agora?
O proxecto decae, pero a empresa ten a concesión mineira até 2068, co que en calquera momento pode volver presentar outro. Mentres teña a concesión, a espada de Damocles está aí e nesta vía hai que actuar. Pero ademais, a Xunta di agora que vai exixir á empresa un plan de restauración e ímoslle tomar a palabra, porque até agora, malia que a contaminación está máis que constatada, non houbo un plan serio, só parches ou, peor, unha escusa para botar residuos e converter a mina nun vertedoiro. Agora que se logrou parar o proxecto hai que seguir exercendo presión e toca concentrala en obrigar que a empresa propietaria a restaure os terreos.