Entrevistamos a investigadora Rita García Seoane

"As algas reflicten os niveis de contaminación"

A investigadora Rita García Seoane facendo traballo de campo
A análise das algas é unha técnica empregada para medir o impacto de certos contaminantes no medio acuático. A bióloga Rita García Seoane, do Instituto Cretus da Universidade de Santiago de Compostela, afonda na súa tese, que vén de presentar, na mellora e definición de novos métodos para a aplicabilidade dun protocolo estandarizado.

Como nos ensinan as algas a contaminación?

As algas son biomonitores, é dicir, organismos que reflicten segundo a concentración no seu organismo os niveis dun contaminante que existen no ambiente. Son capaces de reter esas substancias non a través da dieta, como acontece cos bivalvos, pero si por absorción e adsorción nos seus tecidos. Así, reflicten as concentracións de metais pesados que se atopan no ambiente, quer na auga quer nos sedimentos mariños. Tamén poden ter microplásticos ou contaminantes orgánicos como dioxinas ou hidrocarburos, ou mesmo elementos radioactivos. Pero o meu traballo estivo centrado nos metais pesados e metaloides, fundamentalmente atopamos cadmio, cobre, níquel, mercurio, cinc, aluminio...  

Que resultados se obtiveron?

O traballo foi un compendio de sete estudos, dous deles revisións bibliográficas e o resto investigacións cun obxectivo diferente. O que se buscaba era estandarizar determinados aspectos da técnica, por exemplo, cal é a cantidade de mostras de auga que hai que recoller nun sitio para que sexa representativa da concentración que existe. Outro versaba sobre se existía variabilidade estacional das concentracións de contaminantes, é dicir, se a alga non acumula exactamente o mesmo en verán ou en inverno. Así acontece coa maior parte dos metais pesados. Iso afecta se queremos obter un bo reflexo da concentración que existe. Tamén vimos que existía variabilidade ao longo do talo da alga, polo que non é o mesmo analizar a parte pical da alga, a basal ou toda ela. O experimento levouse a cabo ao longo de catro anos, recollendo mostras en tres sitios distintos da costa: na ría de Ferrol, na de Muros e Noia e na Pontevedra. Queriamos ter un amplo espectro en canto aos niveis de concentración, por iso escollemos estes puntos. Ao longo do tempo, as concentracións nos tres lugares tenderon a decrecer. 

O traballo naceu pola falta de protocolos. Contribúen os resultados a desenvolver unha metodoloxía?

O departamento de Ecotoxicoloxía da Universidade de Santiago está especializado desde hai anos na mellora de protocolos para monitorización, empregando sobre todo musgo terrestre e acuático. Eu continuei esa liña en algas porque é un campo bastante inexplorado. Úsase metodoloxía moi diversa desde hai máis de 50 anos, mais ao non existir un método estandarizado cada investigador aplica o que considera oportuno. Isto dificulta ou impide que se comparen resultados. Por iso é importante conseguir unha estandarización, eu centreime só en certos aspectos da técnica.